Lectura da tese de doutoramento de Antonio Somoza Cayado
O venres 11 de marzo ás 11.00 horas, terá lugar no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia da USC, o acto de lectura e defensa da tese de doutoramento do Investigador Antonio Somoza Cayado titulada “Construción e destrución da cidadanía societaria: Dinámica social e política da provincia de Lugo na Segunda República e nos primeiros anos do franquismo (1930-1950)”. Este traballo está dirixido polos profesores da USC, Lourenzo Fernández Prieto e Pilar López Rodríguez.
Antonio Somoza Cayado (Lugo, 1979) é licenciado en Humanidades pola Universidade de Santiago de Compostela desde 2004. Entre a súa produción científica destaca o traballo de Investigación “A Segunda República no concello de Lugo: análise da súa dinámica política a través das fontes hemerográficas” defendido na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo en 2004, “As organizacións luguesas de esquerda baixo a Segunda República” en Murguía. Revista Galega de Historia, n. 6 (2005); “Interinidade e conflitividade: a dinámica institucional do Concello de Lugo na Segunda República”, en Libro Homenaxe ao Prof. D. Xosé Ramón Barreiro Fernández, Santiago de Compostela, 2007, “Cidadáns en exercizo: a construción dun modelo de cidadanía democrática de base societaria no Lugo do primeiro terzo do século XX (1900-1936)” (no Curso de Primavera “As humanidades: realidade e perspectivas”, abril de 2007); “Mujer, memoria y represión” en IX Congreso de la Asociación de Historia Contemporánea, Murcia, 2008, “La mujer en el vórtice del terror: golpe de estado, represión y género (Galicia 1936-1939)”, Perpignan, 2008; “Da visualización social da muller á inmersión no terror: 1936. Golpe de estado, vítimas e memoria” en Vermellas. Chamábanlles rojas, Santiago de Compostela, 2009 e Informe de resultados. Vítimas Galicia (1936-1939), Santiago de Compostela, 2010.
Na actualidade é membro do Grupo de Referencia Competitiva de Historia Agraria e Política do Mundo Rural. Séculos XIX e XX (Histagra, GI-1657) e Investigador do Proxecto de Investigación “Nomes e Voces”.