Visita do relator de ONU, Pablo de Greiff a Santiago de Compostela

Os días 29 e 30 de xaneiro de 2014 está en Galicia o Relator Especial da oficina das Nacións Unidas con sede en Xenebra para a “Promoción da verdade, a xustiza, a reparación e as garantías de non repetición”, Pablo de Greiff. De conformidade coas funcións que lle son conferidas polo Consello de Dereitos Humanos das Nacións Unidas mantivo diversas xuntanzas con institucións e representantes da sociedade civil galega en relación co dereito á verdade sobre as violacións dos dereitos humanos na guerra e a ditadura franquista, con independencia dos perpetradores; o dereito á xustiza respecto daqueles actos; das medidas de reparación establecidas e cumpridas en relación coas últimas e as garantías de non repetición que poidan comprobarse na lexislación, formación e educación, códigos, leis, opinións públicas e información da cultura colectiva sobre aquel proceso de persecucións e violacións de dereitos na guerra e a ditadura.

Nesta visita, desde o Proxecto 'Nomes e Voces' axudamos a orientar a súa estancia en Galicia como interlocutores ante a administración e as asociacións d vítimas e grupos de memoria histórica do país, e para a visita a diversos lugares de memoria da represión en Galicia. Mantivo xuntanzas bilaterais coa administración autonómica e con varios grupos de memoria histórica e outros sectores da sociedade civil galega que operan en Galicia desde o ano 2006.

No día de hoxe xoves, mantivo unha reunión de traballo co coordinador e algúns colaboradores de 'Nomes e Voces' na Facultade de Xeografía e Historia, onde se lle amosou o traballo desenvolto na investigación histórica nos últimos anos en relación co coñecemento dese pasado incómodo e atendeuse ás demandas de información e opinión por parte do relator.

Mañá venres, o coordinador de Nomes e Voces, asistirá en Madrid a unha reunión conxunta convidado pola oficina do relator coas institucións de memoria histórica e sectores da sociedade civil e historiadores no hotel AC Cuzco (Madrid) para facer un balance final da súa visita de dúas semanas a España no que visitou amais de Galicia e Madrid, Cataluña e Andalucía.