Inaguración da exposición "Vivir da terra. A loita do campesinado (1925-1975)"

Hoxe venres 3 de outubro, ás 19:00 horas, presentarase no Salón de Actos da Biblioteca Pública de Santiago “Ánxel Casal a exposición Vivir
da terra. A loita do campesinado galego (1925-1975)
.

No acto intervirán  Daniel Lanero Táboas, profesor da USC, membro do Grupo de Investigación HISTAGRA e investigador principal do proxecto “Mobilización política e conflitividade social nun contexto de grandes cambios: a Galicia rural durante o tardofranquismo e a transición (1960 – 1982)”, e Víctor Manuel Santidrián Arias, da Asociación Cultural Sine Nomine.

A mostra, deseñada con criterios didácticos é o resultado da colaboración entre o equipo do proxecto de investigación “Mobilización política e conflitividade social nun contexto de grandes cambios: a Galicia rural durante o tardofranquismo e a transición (1960 – 1982)”, dirixido polo profesor Daniel Lanero Táboas, da USC, a Asociación Sine Nomine, de Profesores/as de Ensino Secundario, e a Fundación 10 de Marzo de CCOO de Galicia.

VIVIR DA TERRA. A LOITA DO CAMPESIÑADO GALEGO (1925 – 1975)

“A Galicia rural ten sido vinculada ao atraso, á inmutabilidade, ao conservadurismo e ao caciquismo. Sen negar a existencia histórica de actitudes sociais e políticas conservadoras, o certo é que a nosa realidade é bastante máis complexa.

Dende finais do século XIX, producíronse transformacións socieconómicas, políticas e culturais moi profundas que mudaron por completo a face do mundo rural. Xunto con períodos de escaseza material, estancamento produtivo e regresión política e social —como a longa posguerra posterior
ao conflito de 1936-1939— existiron etapas e movementos democratizadores, de construción da sociedade civil e de modernización económica. É o caso do agrarismo de comezos do século pasado.

Porén, esta exposición didáctica céntrase na mobilización política e nos múltiples conflitos sociais que tiveron lugar na Galicia rural dos anos finais da ditadura franquista e da transición. Presenta á súa contribución á conquista social da democracia para integrar mellor ó agro na explicación do cambio histórico na segunda metade do século XX”.