Mundo rural e sindicalismo agrario a debate en Arzúa

En setembro de 2011 (días 8, 9 e 10) o Proxecto de Investigación “Mobilización política e conflitividade social nun contexto de grandes cambios: a Galicia rural durante o tardofranquismo e a transición (1960 – 1982)”, estrutura que forma parte do Grupo de Investigación HISTAGRA e dirixe un dos seus investigadores membros, Daniel Lanero Táboas, organizou no Concello de Arzúa (A Coruña) un dos Cursos de Verán da USC para o ano 2011. Dito curso levou por título: “Cincuenta anos de sindicalismo agrario en España: da ditadura á democracia (1936 – 1986)”.

Este Curso de Verán da USC realizou un balance crítico dun tema (o sindicalismo agrario) e de dous etapas históricas (franquismo e transición) sobre as que o coñecemento científico acadou importantes avances no último decenio. En este período comezouse a historiar en profundidade a situación pola que atravesou o mundo rural galego e español durante o franquismo a múltiples niveis (social, político, económico ou institucional). Nos últimos anos, os estudos debruzáronse na conflitividade social e no importante papel xogado pola mobilización política dese mesmo mundo rural durante a fase final da ditadura e a transición cara a consecución dun réxime democrático en España.

A actividade atendeu tanto ao coñecemento sobre o período (1936 – 1986) e o mundo rural xenerado polos historiadores e outros científicos sociais, como ás experiencias e discursos daqueles axentes da sociedade civil rural que viviron o período do final do franquismo e a transición, a quen se deu tamén voz a través desta seminario (labregos, técnicos agrarios, políticos, sindicalistas…). A análise do asociacionismo agrario, primeiro na súa modalidade vertical, despolitizadora e encadradora da poboación rural, e máis adiante como medio para a socialización política e a reivindicación da democracia, foi o fío conductor para a caracterización dos cambios experimentados polo agro no medio século que vai do golpe de estado de xullo de 1936 ó ingreso de España na CEE.

O Curso estivo dirixido a un espectro amplo de persoas cun posible interese polo tema.
En primeiro lugar, a estudantes universitarios en xeral, tanto de Grao como de Posgrao, que estiveran a cursar estudos universitarios no eido das Humanidades e das Ciencias Sociais (Historia, Humanidades, Ciencias Económicas e Ciencias Políticas, Socioloxía, Antropoloxía, Ciencias Medioambientais…) pero tamén en ensinanzas de tipo técnico relacionadas co mundo rural: estudantes de Enxeñería Agroalimentaria, Forestal ou de Veterinaría, etc.  Así mesmo, a axentes activos (no pasado e no presente) dentro de entornos e sociedades rurais, como funcionarios dos servizos públicos vencellados coa agricultura, mestres rurais, técnicos e empresarios agrarios, membros de organizacións políticas e sindicais… e en xeral a calquera persoa que desenvolvese a súa vida cotiá nun entorno rural… De aí a elección dun concello rural e cunha especialización económica preferentemente agrogandeira para a realización do Curso como era o caso de Arzúa (A Coruña).

O Seminario contou coa participación de recoñecidos especilistas nas cuestións a debate, procedentes de diversas universidades e centros de investigación de Galicia, Andalucía, Cataluña e Navarra, así como con dirixentes do sindicalismo agrario democrático dos anos terminais do franquismo e a transición (Comisións Labregas – SLG; Sindicato de Obreros del Campo…) e técnicos da administración agronómica (ver programa na documentación que complementa este dossier). Os debates, nun ton cordial e relaxado, caracterizáronse, porén, pola súa intensidade e produtividade.

A valoración do Curso de Verán por parte dos alumnos e das alumnas matriculados/as foi moi positiva, resultando finalmente o 4º curso mellor valorado de entre os 36 ofertados pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade da USC no ano 2011, tal e como se pode comprobar na documentación elaborada pola propia Vicerreitoría a partir das enquisas de avaliación cumprimentadas polos alumnos/as matriculados/as nos diferentes cursos. (ver na documentación anexa).

Estes bos resultados levaron ao Director e ao Secretario do Curso, Daniel Lanero (USC) e Antonio Herrera (Univ. Pablo de Olavide de Sevilla) a promover a sinatura (decembro de 2011) dun Convenio de Investigación entre a USC e o Excmo Concello de Arzúa, baixo o título: “Da ditadura á democracia: mundo rural e asociacionismo agrario en Galicia e Andalucía (1936-1982)”, co fin de convertir unha parte sugnificativa das investigacións presentadas e dos debates mantidos no curso nunha novidosa monografía comparativa. A realización do traballo de investigación confiouse a un equipo de dez investigadores/as  ascritos/as a universidades galegas e andaluzas. Lamentablemente, non se puido obter o resultado desexado polo feito de que a finais de 2012, antes da finalización do conxunto dos textos, o Excmo Concello de Arzúa decidiu non prorrogar o Convenio de Investigación suscrito.

Aínda así, os organizadores do Curso de Verán, desexamos difundir a través da web do Grupo de Investigación HISTAGRA, diferentes materias que dan conta daquela actividade.