Daniel Lanero, Investigador de HISTAGRA, contribúe cun capítulo a un dos últimos volumes da serie "Rural History in Europe" (Brepols – COST)

Vén de publicarse recentemente (o pasado agosto) o Volume número 8 da Serie Rural History in Europe (RURHE), que editan conxuntamente o Programa COST (European Cooperation in the field of Scientific and Technical Research) e a editora belga Brepols Publishers. O título deste oitavo volume, coordinado por Peter Moser (Director dos Arquivos de Historia Rural, Suíza) e Tony Varley (Lecturer na National University of Ireland, Galway), é: Integration through subordination. The Politics of Agricultural Modernisation in Industrial Europe.

Segundo explica a sinopse que Brepols ofrece sobre este libro:

“Partindo da hipótese de que os Estados desenvolveron un papel crucial como axentes da modernización, esta obra explora por qué, de que xeito e con que resultados os Estados europeos pretenderon transformar os seus sectores agrarios durante os séculos XIX e XX. Modernizar a agricultura significou cada vez máis emular os novos modelos organizativos da industria manufactureira. Pero tendo en conta que a agricultura continúa dependendo significativamente de recursos vivos (prantas e animais), os resultados da modernización da actividade agraria teñen sido bastante diferentes a aqueles outros do sector industrial. En outras palabras, a agricultura modernizada é algo bastante diferente dunha agricultura simplemente industrializada.

Atendendo a casos que van dende a Península Ibérica até Hungría, ou de Grecia a Inglaterra, os capítulos deste libro dialogan con catro cuestións principais: Por qué motivo as elites estatais e os seus aliados na sociedade civil optaron pola modernización da agricultura? Que entendían por modernización agrícola? Qué recursos políticos empregaron para acadar unha modernización efectiva? E, cales foron as consecuencias para a poboación rural e para a agricultura desta insistencia nas políticas modernizadoras?”

O investigador de HISTAGRA Daniel Lanero contribúe a este oitavo volume da prestixiosa serie Rural History in Europe cun capítulo, escrito en colaboración coa Profa. Dulce Freire (Instituto de Ciências Sociais da Universidade de Lisboa): “The Iberian dictatorships and agricultural modernisation after the Second World War” (pp. 183 – 202), no que baixo unha perspectiva comparativa (coas democracias do Welfare State da Europa occidental do momento) analizan os itinerarios que seguiu a implantación do paradigma da Revolución Verde en Portugal e España entre 1950 e 1975, no contexto interno (ibérico) dunha brusca e acelerada transformación socioeconómica do mundo rural e baixo dous reximes políticos autoritarios de orixe fascista.

Integration through subordination. The Politics of Agricultural Modernisation in Industrial Europe foi presentado ao público durante a celebración da Rural History Conference, celebrada en Berna do 19 ao 23 de agosto, nun acto no que estiveron boa parte dos coautores da obra.