HISTAGRA participou no Rural History 2013, en Berna

O Grupo de Investigación HISTAGRA: Historia Agraria e Política dos Séculos XIX e XX participou activamente na segunda edición da Rural History Conference, o máis importante foro de debate para os historiadores/as agrarios europeos que, auspiciado pola European Rural History Organisation (EURHO), se celebrou en Berna (Suíza) entre os pasados días 19 e 23 de agosto.

Asistiron a este Congreso o Investigador Principal de HISTAGRA, o Prof. Lourenzo Fernández Prieto e os Investigadores do Grupo Miguel Cabo, Daniel Lanero e Alba Díaz – Geada.

En colaboración cos Profs. Leen Van Molle e Yves Segers (Interfaculty Centre for Agrarian History, da Universidade de Lovaina, Bélxica) e Paul Brassley (University of Exeter, Reino Unido) HISTAGRA organizou unha sesión dobre: Knowledge networks in rural Europe (1700 – 2000), que tivo un notable éxito de público e na que se debatiron intensamente un total de oito comunicacións, das cales dúas eran da autoría de membros de HISTAGRA: Agrarian press and its contribution to technical change in Galicia, 1900-1975 , da autoría de Miguel Cabo; e Diffusion of agricultural science and technologies: the innovation system in Galicia (Spain), 1880 - 1936 da que son autores tres membros de HISTAGRA (Lourenzo Fernández Prieto, Daniel Lanero e Miguel Cabo) en colaboración co Prof. David Soto (Laboratorio de Historia de los Agroecosistemas – Universidad Pablo de Olavide de Sevilla).

O interese amosado por esta sesión fixo que os organizadores se teñan plantexado darlle continuidade ao debate comezado en Berna nos vindeiros meses e, de ser posible, formalizar os resultados de investigación nunha publicación colectiva de ámbito internacional.

HISTAGRA tamén participou activamente noutra sesión dobre: Agricultural Politics in Europe between World War II and 1957, organizada polos Profs. Carin Martiin (Swedish University of Agricultural Sciences) e Juan Pan – Montojo (Universidad Autónoma de Madrid). Nesta sesión os investigadores de HISTAGRA Daniel Lanero, Alba Díaz – Geada, Lourenzo Fernández Prieto, xunto co Prof. David Soto, presentaron o traballo titulado: Agriculture and agricultural policies in Spain (1939 - 1959) que tamén foi acollido moi positivamente e contribuiu a artellar un interesante debate colectivo.

Achegamos aquí os textos das comunicacións presentadas polos membros do Grupo de Investigación HISTAGRA á Rural History Conference, así como información relativa ás diversas sesións nas que participou o noso Grupo de Investigación.

Documents