Un seminario analiza os resultados finais da investigación 'Conflitividade social e mobilización política nun contexto de grandes cambios: a Galicia rural durante o tardofranquismo e a transición (1960-1982)'

O Proxecto de investigación Conflitividade social e mobilización política nun contexto de grandes cambios: a Galicia rural durante o tardofranquismo e a transición (1960 ? 1982), dirixido por Daniel Lanero Táboas e incluído no Grupo de Referencia Competitiva HISTAGRA, organizou os días 4 e 5 de xullo de 2013 o seminario de investigación  "Sociedades en transformación: politización e conflitividade na Galicia e o País Vasco rurais entre a ditadura e a democracia (1960-1982)". Nel participaron os profesores e investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC): Antonio Míguez Macho, Daniel Lanero, Araceli Freire Cedeira, Ana Cabana Iglesia e Alba Díaz Geada e da Universidad del País Vasco (UPV-EHU): Raúl López Romo e Fernando Molina Aparicio.

Os doutores da USC Antonio Míguez Macho e Daniel Lanero Táboas presentaron un estado da cuestión sobre politización e os movementos sociais na España rural do final do franquismo e a transición. A investigadora da USC, Araceli Freire, adiantou parte do que será a súa tese de doutoramento, en particular no relacionado co proceso de devolución dos Montes Veciñais en Man Común entre 1968 e 1989. O organizador do Seminario e responsable científico do proxecto, Daniel Lanero referiuse á conflitividade socioambiental na Galicia meridional entre 1960 e 1980 e a profesora da Escola Politécnica da USC, Ana Cabana  Iglesia e a investigadora Alba Díaz Geada presentaron unhas primeiras conclusións sobre o sindicalismo democrático na Galicia rural dos anos setenta do s. XX.

Na xornada do día 5, foi a quenda para os profesores da UPV,  Raúl López Romo e Fernando Molina Aparicio (en colaboración con Antonio Míguez) que presentaron respectivamente as súas investigacións sobre a absolutización da política vasca na transición e reruralización ideolóxica e identidade nacional no franquismo e a transición.

Tanto os relatorios presentados, como o debate, xunto a outros traballos de membros do equipo que dirixe o profesor Lanero Táboas, formarán parte dunha monografía que sairá á luz o vindeiro outono.

Galería de imaxes >>

 

Documents