De epidemias, discursos e dereitos: unha ollada dende un pasado non tan lonxano
De epidemias, discursos e dereitos: unha ollada dende un pasado non tan lonxano
Daniel Lanero Táboas
Investigador do Grupo HISTAGRA
A pandemia de coronavirus pola que atravesamos fixo que a opinión pública voltara a súa ollada cara á Historia na procura de exemplos previos de grandes epidemias. Os medios de comunicación repararon de forma particular na epidemia de gripe neumónica de 1918, seguramente pola súa dimensión internacional, pero tamén pola atracción que adoitan exercer as efemérides redondas.
Vou tratar aquí doutra epidemia padecida pola poboación española, en concreto na primera metade da década de 1940.
A comezos dos anos corenta foi habitual a simultaneidade de brotes de enfermidades infecciosas como a varíola, a difteria e o tifo exantemático, sen deixar de mencionar a presencia estrutural doutras patoloxías como a tuberculose ou as avitaminoses (desnutrición). Segundo datos da Dirección General de Estadística (precedente do actual INE), en 1940 un 35% do total de mortes que se certificaron en España foran causadas por enfermidades infecciosas, porcentaxe que se mantivo estable o ano seguinte (36%). Ese mesmo ano, 1941, a mortalidade infantil, que viñera reducíndose de maneira progresiva dende finais do século XIX, acadaba un 142 por mil (é dicir, de cada 1.000 nenos que nacían vivos, 142 morrían antes de cumprir o ano) retrocedendo a niveis de comezos da década de 1920.
Entre estas epidemias, a de tifo exantemático tivo unha especial incidencia sobre os sectores máis desfavorecidos da poboación, ao prolongarse entre 1939 e 1943.
Que motivos explican que o nivel sanitario do país fose tan baixo durante a década de 1940 como para que os brotes epidémicos resultasen algo común?
Varios factores concorrían a este respecto. En primeiro lugar, a situación de miseria material na que quedou unha parte importante da poboación das principais cidades do país unha vez rematada a Guerra civil, en particular as clases populares ou subalternas, estigmatizadas polo franquismo como “rojas” ou “perdedoras”: o desemprego, a fame extrema, a imposibilidade de acceder a produtos de primeira necesidade ou o ateigamento das familias en infravivendas ou covas foron moeda corrente, coa conseguinte mingua das condicións hixiénicas básicas… A iso temos que engadir que o pago da axuda militar que as potencias fascistas do Eixo prestaran aos golpistas fíxose en boa medida en alimentos e outras materias primas, así como o bloqueo económico ao que os Aliados someteron á ditadura de Franco durante a Segunda Guerra mundial e os anos posteriores…
Porén, o factor determinante foi unha errada política económica autárquica, en particular no relativo á intervención da produción agraria e do consumo alimentar e de bens básicos (racionamento). Máis aló das coñecidas prácticas corruptas das autoridades franquistas e dos seus apoios sociais (mercado negro), a xestión política do sistema de intervención foi tremendamente ineficaz, desembocando nunha situación permanente de carencia do mínimo abastecemento á poboación, que tivo consecuencias directas no pésimo estado sanitario de sectores numericamente moi importantes desta…
Como aconteceu coa fame ou coa vivenda, o franquismo levou a cabo, a través do seu discurso, fundamentalmente da súa propaganda, unha instrumentalización política do lamentable estado sanitario que a poboación española amosaba a comezos dos anos corenta. O Réxime empregou con frecuencia símiles e metáforas baseadas no binomio saúde – enfermidade. A Nueva España era unha Patria sana, forte e limpa, por oposición á parte enferma, feble e sucia da nación (da “Anti – España” en realidade) á que se derrotara na guerra. Por iso mesmo, a primeira reacción do Réxime foi ocultar á poboación o brote de tifo exantemático e retrasar o máximo posible o seu recoñecemento, pois a existencia da epidemia contradecía os valores que se pretendía proxectar.
O paso seguinte consistiu en empregar a epidemia e a súa “exitosa contención” como un elemento máis para reforzar a lexitimidade do Réxime e ampliar o consentimento da poboación cara este. A situación sanitaria do país explicábase en palabras do Director General de Sanidad, José Alberto Palanca, pola “nefasta influencia ejercida por el comunismo desde 1935”, en tanto que a orixe máis probable da epidemia de tifo estaría nos “sufrimientos morales y materiales vividos en la zona roja durante la guerra”.
Este tipo de argumentacións ideoloxizadas foron empregadas con moita frecuencia. Como é ben sabido, as condicións de vida miserentas da posguerra, obrigaron a moitas mulleres tanto adultas como novas a sobrevivir exercendo a prostitución, incrementándose de maneira notable durante aqueles anos o número de burdeles. O incremento da morbilidade asociado ás enfermidades venéreas era atribuído polo Réxime nun decreto de marzo de 1941 á “la relajaciónmoral que se padeció en la zona roja”.
A Medicina Social e as políticas de Saúde Pública teñen unha moi forte compoñente normativa, até o punto de que os límites cos comportamentos autoritarios por parte dos poderes políticos non son sempre sinxelos de deslindar.
O franquismo empregou as medidas de saúde pública como un instrumento máis de control social. Os sectores máis depauperados da poboación, aqueles sobre os que a epidemia de tifo de 1939 - 1943 tivo uns maiores efectos, foron os máis vixilados e represaliados. O discurso oficial partía da idea de que mendigos, vagabundos ou nenos indixentes eran os responsables únicos das súas malas condicións hixiénico – sanitarias.Iso levou á súa persecución e á toma puntual de medidas encamiñadas a evitar ou limitar á súa visibilidade no espazo público, como por exemplo prohibir a entrada de mendigos nas poboacións ou levar a cabo accións de recollida e internamento de indixentes.
Os contextos da epidemia de tifo exantemático dos primeiros anos corenta e da actual pandemia son enormemente distintos, e os historiadores/as temos a obriga de poñer en garda á opinión pública sobre lecturas automáticas e presentistas da Historia.
Porén, semella que algúns comportamentos, actitudes e discursos non están tan lonxanos. A lectura ideoloxizada e a instrumentalización política da pandemia está sendo constante. Dende as expresións chauvinistas (“o virus chinés” ou os “anticorpos españois que derrotan virus chineses”) até a disputa política entre administracións arredor da xestión da crise, das cifras de mortos e contaxiados ou da adquisición de material sanitario para facer fronte á pandemia, por non falar do “bombardeo” de termos militares e símiles bélicos ao que nos someten os nosos gobernantes (inmigo invisible, primeira liña da fronte, exército de cidadáns, batalla, guerra, moral de victoria, etc.).
Tampouco podemos, na miña opinión, obviar os excesos normativos das políticas de Saúde Pública e a erosión dos dereitos individuais e colectivos que a súa posta en práctica está a supoñer. Máis que a conxuntura do presente, o que máis preocupa a quen isto escribe é a posible normalización desa restrición de dereitos unha vez que a emerxencia sanitaria se supere. Algunha lección ao respecto puidemos aprender do mundo posterior ao 11 de setembro.
Para saber máis
DEL ARCO BLANCO, M.A. (2007), Hambre de siglos. Mundo rural y apoyos sociales del franquismo en Andalucía Oriental (1936 – 1951), Granada, Comares.
JIMÉNEZ LUCENA, I. (1994), “El tifus exantemático de la posguerra española (1939 – 1943)”, Dynamis, Vol. 14, pp. 185 – 198.
PRIETO BORREGUERO, L.; BARANQUERO, E. (2003), Así sobrevivimos al hambre: estrategias de supervivencia de las mujeres en la posguerra española, Málaga, Diputación provincial.
Daniel Lanero Táboas é doutor en Historia. Entre as súas liñas de investigación atópanse a Historia Social do Mundo Rural, a Historia Comparada dos Fascismos e a Historia Agraria, cunha particular atención ao franquismo, á tansición á democracia en España e ao Estado Novo portugués. http://histagra.usc.es/gl/persoas/6/daniel-lanero-taboas