A memoria reticente: reflexións ó redor de “O atentado” de Harry Mulisch

Miguel Cabo

Harry Mulisch (Haarlem, 1927-2010) foi ata o seu recente pasamento a figura dominante da literatura en holandés. A súa propia historia familiar predispúñao a contemplar os matices, posto que era fillo dun austriaco que colaborou cos ocupantes na administración de bens confiscados e unha xudía belga. En 1982 sacudíu á sociedade neerlandesa cunha novela que axiña se converteu nun éxito de vendas: De aanslag (O atentado), aínda hoxe disponible nunha tradución ó castelán en Tusquets e que xoga maxistralmente co tema da memoria colectiva, da culpa e do peso do pasado. O efecto foi reforzado cando a súa version cinematográfica obtivo en 1987 o Óscar á mellor película en lingua non inglesa.

A novela estructúrase en cinco episodios, que se corresponden con sucesivos momentos na vida de Anton Steenwijk. Este ten doce anos cando no solpor dun día de xaneiro de 1945 a súa familia pasa o tempo xogando ó parchís para esquecer o frío e a fame na súa casa nos arredores de Haarlem. O pasatempo vese interrompido polo eco dun disparo. Fake Ploeg, brutal policía membro do partido fascista NSB, ven de ser abatido diante da casa de enfronte, pero os veciños arrastran o seu cadavre diante da vivenda dos Steenwijk. O irmán de Anton sae ó exterior para apartar o corpo pero nese momento é sorprendido por unha patrulla alemana que o mata alí mesmo e a continuación incendian a casa familiar e levan consigo ós pais (serán posteriormente executados como reféns por outra acción da resistencia). O episodio como tal non existíu pero Mullisch combina nel retallos de accións reais da resistencia.

Anton convértese no único supervivinte da familia e críase cuns tíos en Amsterdam. Malia todo, consegue labrarse unha vida aparentemente exitosa e feliz: estuda Medicina, , forma unha familia e acada unha sólida posición económica. A actitude fronte ó trauma é de aparente superación, ó longo da novela Anton non busca activamente aclarar as circunstancias da traxedia e mesmo evita ler novelas ou libros de historia sobre a guerra. Mesmo así, a través dunha serie de encontros fortuitos ó longo dos anos, o pasado volve presentárselle e as pezas do rompecabezas van encaixando. Primeiro é a visita non planeada a unha das súas antigas veciñas, testemuñas da noite fatídica, anos despois unha tensa conversa co fillo do policía, cunha existencia tamén marcada polo sucedido e que se presenta como unha vítima máis, e posteriormente recibe as atormentadas confidencias dun amigo do seu sogro antigo resistente e involucrado na acción, que como observa aquél na guerra non falou nin baixo tortura e en cambio despois falaba todo o tempo. Obtense así unha multiplicidade de puntos de vista que se completa xa en 1981 cando casualmente recoñece nunha manifestación antinuclear á filla do veciño que movera o corpo do policía e o colocara diante da casa dos Steenwijk. Nese punto a novela péchase cunha revelación final que contribúe a enturbiar aínda máis o xuízo moral perante o sucedido.

Sucesivamente van saíndo á luz detalles que deixan ó lector con dúas sensacións predominantes. A primeira, a omnipresencia do azar, simbolizado no dado que o neno tiña na man no momento de desencadearse os feitos e que manterá como fetiche durante o resto da súa existencia. Como na secuencia final da extraordinaria Match-Point de Woody Allen, na que un anel caendo dun lado ou doutro dunha baranda inclinaría a vida do protagonista cara á cadea ou á riqueza, na novela todo ven marcado por casualidades que ridiculizan o afán de control dos seres humanos sobre o seu devir.

O segundo pouso é desacougante, os dilemas éticos de incómoda solución mesmo nun conflito como a segunda guerra mundial no que aparentemente os papeis están nidiamente repartidos. ¿Tiñan dereito os que abateron ó policía colaboracionista a decidir sobre a vida e a morte de persoas inocentes dadas as previsibles represalias? ¿Que dicir do traslado posterior do corpo? Unha boa peza literaria sempre se pode emparellar cun bo libro de historia, e neste caso o mellor compañeiro para a novela de Mulisch é Under the Shadow of the Swastica de Rab Bennet (Palgrave Macmillan, 1999), onde os conflitos éticos da resistencia son presentados en toda a súa complexidade e o lector se ve situado nunha especie de xogo de rol fronte a disxuntivas nas que ningún dos males aparece como menor.

Trailer de De Annslag