Ciclo de Conferencias. Pasados incómodos: guerra, memoria e historia Ismael Saz e os nacionalismos franquistas: xénese, configuración e herdanzas
Rafael García Ferreira
Investigador do Grupo HISTAGRA
Dentro do Ciclo de Conferencias Pasados incómodos: guerra, memoria e historia o grupo HISTAGRA recibiu a Ismael Saz, catedrático de Historia Contemporánea da Universitat de València e presidente da Asociación de Historia Contemporánea. Saz tense especializado no estudo do falanxismo e da ditadura franquista, definindo esta nos seus traballos coma “fascistizada”. As súas investigacións teñen tratado a natureza e dinámicas internas do réxime, ademais de prestar atención á extrema dereita europea dos anos vinte, trinta e corenta.
O conferenciante centrou o seu discurso nas herdanzas culturais e políticas dos nacionalismos franquistas. Saz considera que non todas estas herdanzas se xeran no propio réxime franquista, se non que moitos discursos parten dende antes: do nacionalismo reaccionario de Acción Católica, que evolucionará cara o nacionalcatolicismo, e do nacionalismo fascista, tan antiliberal coma o anterior, pero que cualifica de accidentalista na súa xénese e de carácter máis populista.
Segundo a tese de Saz, ambas correntes confluirían durante a ditadura, creando na súa síntese un réxime nacionalista español e antiliberal, baseado no mito da decadencia de España que se viña dando dende o finais do século XIX, e que tería coma única solución a destrución da anti-España. O discurso que empregará xa partía do período republicano, considerando a nación coma un “discurso proxectivo”, isto é, un destino común: España non sería unha nación, é algo máis, e os nacionalistas son o “outro” (o nacionalismo catalán, o vasco …). A cuestión catalá, concretamente, estará presente durante todo o século XX, presentándose nos nacionalismos reaccionarios a través dun forte anticatalanismo xa en tempos da II República.
Durante a década de 1950 teríase chegado a un impás propiciado pola incapacidade de ambos proxectos (nacionalcatólico e nacionalsindicalista) de imporse ao outro. Xa non se falará de patriotas, se non simplemente de españois. España non necesitaría reivindicarse fronte a nada, un discurso que comezará a penetrar na poboación de xeito moi efectivo. España non se discute, o que acaba funcionando coma unha canle de nacionalización formidable.
Coma terían permeado estas ideas a día de hoxe? Segundo nos explica Saz, de diversas formas. O triunfo final do nacionalcatolicismo sobre o proxecto fascista exemplificaríase na elección dun modelo monárquico coma herdeiro da ditadura. Pero tamén noutro tipo de cuestións, coma o artigo segundo da Constitución de 1978, que fala do carácter “indisoluble” da nación española. E, do mesmo xeito, en discursos actuais de extrema virulencia, que se atoparían moi lonxe doutros nacionalismos de Estado que deixan espazo ao diálogo, non centrados na idea de “castigo”, se non deixando canles para a negociación. A permanencia de ideas tamén tería unha clara herdanza no patriotismo constitucional que vemos hoxe en día, que non estaría a condenar o anterior patriotismo anticonstitucional, o réxime franquista, e que ao mesmo tempo tampouco reivindicaría os anteriores modelos de patriotismo constitucional que deberían ser referencia, é dicir, a I e a II República.
Coma adoita acontecer, a conferencia suscitou un rico debate ao seu termo, no que participaron os asistentes e que expresou as inquedanzas do público sobre os nacionalismos franquistas e as súas herdanzas no día de hoxe, pero tamén sobre outro tipo de cuestións coma, por exemplo, o uso da linguaxe que se fai dende certos discursos, abrindo o debate co conferenciante e suscitando novas ideas para o debate e a análise. O enfoque da temática por parte de Saz permite, ademais, que se xeren cuestións diversas no so para o período de consolidación dos ideais dos nacionalismos franquistas, se non tamén no referente á súa xénese e, coma viñamos dicindo, ás súas herdanzas no período de transición cara a democracia ou mesmo nos anos seguintes ata chegar aos nosos días.