Obradoiro de Historia: Cambios de paradigma na Historia Rural. Un debate

Alba Díaz-Geada

Investigadora Juan de la Cierva-Incorporación

Grupo HISTAGRA

 

O xoves 17 e o venres 18 de xaneiro celebramos un obradoiro de historia para debater sobre os Cambios de Paradigma na Historia Rural. Os obxectivos que nos convocaron entroncaban con dous encontros previos. Por finais do ano 2012, con motivo do 30 aniversario da publicación da obra La propiedad de la tierra en Galicia, 1500-1936 (Villares, 1982), o grupo de investigación Histagra e a rede de investigación ReVolta convocaron historiadores agrarios de referencia para abordar unha serie de preguntas. En síntese, por que nas décadas dos setenta e oitenta, que coinciden cun momento de cambio político, centraron o seu traballo no estudo da propiedade da terra ou, noutros termos, no debate arredor da crise do Antigo Réxime e da revolución burguesa. En decembro de 2017, no marco do V Seminario da SEHA, presentábase un documento para o debate que recollía este e outros exercizos de discusión historiográfica. En “La Historia Agraria en claroscuro”, parte da obra Del pasado al futuro como problema. La historia agraria española en el siglo XXI (Lana e Soto, 2018), os autores percorrían distintos contextos históricos e historiográficos que poden permitir explicar as mudanzas nas perspectivas e nas temáticas predominantes no ámbito da Historia Agraria, sinalando como fito principal o debate xerado arredor da obra El pozo de todos los males (Fernández, Gallego, Garrabou, González y Pujol, 2011), que convidaba á superación das limitacións analíticas da dualidade atraso/progreso. A proposta de José Miguel Lana e David Soto contribúe a dar novos pulos á tradición de discusión historiográfica da SEHA, ó igual cá iniciativa de Enric Tello e Manuel González de Molina ó promover en 2013 o debate “Repensar la historia agraria”, aberto na web da SEHA e que contou coa participación de Iñaki Iriarte. O aniversario da revista Historia Agraria convida tamén a facer balance (Carrión e Pinilla, 2018).

Sobre a base dos exercizos reflexivos mencionados, convidamos a un diálogo colectivo que permitise continuar o debate arredor dos cambios nos enfoques, nos métodos e nos suxeitos analizados pola Historia Agraria. Propoñiámonos centrar a reflexión no eixo teórico e nas súas mudanzas, que non pode deslindarse das distintas transformacións históricas que o acompañan. Coidamos que esta reflexión colectiva podía contribuír, moito máis alá do eido específico da Historia Agraria, a unha mellor comprensión dos cambios operados no traballo e na concepción do cientista social. Recuperar no noso presente os distintos debates que foron conformando o desenvolvemento da SEHA, permitiría achegar ese patrimonio colectivo ós investigadores e investigadoras que comezan a súa andaina. Abordar colectivamente novas e vellas preguntas, incorporando as diferentes perspectivas disciplinares que conflúen no estudo das sociedades rurais, podía permitir ademais, enriquecer o diálogo entre as distintas formas de pensar a cuestión agraria, nun tempo en que a propia expresión parece esvaerse no aire.

Na primeira sesión, sobrea“cuestión agraria” arredor de 1975, contamos coas intervencións dos profesores/a: Rosa Congost, Domingo Gallego, Manuel González de Molina, Jesús Millán, Ricardo Robledo, Pedro Ruíz Torres, Pegerto Saavedra, Enric Tello e Ramón Villares. Na segunda sesión, Tres décadas de historiografía: balance, contamos coas intervencións dos profesores Vicente Pinilla e Iñaki Iriarte (Historia Económica e Historia Agraria), José Miguel Lana (O estudo dos comunais), David Soto Agroecoloxía e Historia Ambiental, Lourenzo Fernández Prieto e Juan Pan-Montojo (O cambio tecnolóxico), Miguel Cabo e Xosé Ramón Veiga (Historia Política do mundo rural), Antonio Herrera e Jordi Planas (Democracia e acción colectiva no mundo rural), Alba Díaz Geada e Daniel Lanero (A Historia Social e a Historia Cultural na Historia Agraria), Ana Cabana e M. Ángel del Arco (A ditadura; as actitudes sociais; as resistencias), Isidro Dubert e David Martínez (Estudos demográficos e migracións).

Finalizamos cun balance colectivo que puxo de manifesto a necesidade de traballar outras miradas (caso da que desvela ó patriarcado) e de reflexionar sobre o papel dos traballadores das ciencias sociais no conxunto social que os sostén e do que son parte. O diálogo colectivo é un espazo privilexiado de aprendizaxe. Por iso, o noso agradecemento a todos os que fixestes posible este encontro.