Seminario de Zira Box: Discursos, alcances e expresións da nación viril franquista
Diego López Carcedo
Investigador do Grupo Histagra
O pasado venres 29 de marzo, no marco do ciclo de seminarios de Histagra 2018-2019, tivemos ocasión de recibir a Zira Box, profesora no departamento de socioloxía e antropoloxía social na Universitat de València, quen ten aportado no ámbito da historia cultural do franquismo unha perspectiva de socioloxía histórica ao estudo do proceso de construcción simbólica da ditadura franquista e da ligazón entre xénero e nación no primeiro franquismo.
Neste ocasión, o seminario desenvolveuse en torno ao tema da construcción dos discursos falanxistas da nación viril no primeiro franquismo. Para Zira Box, trátase de plantexar qué implica pensar á nova España como intrínsecamente viril, qué significados se atribúen a esa virilidade, e cómo podemos aplicar unha dimensión de xénero ao proceso de construcción simbólica da nación nesta primeira fase do réxime franquista.
Dende unha perspectiva culturalista e considerando a linguaxe e os discursos coma unha práctica social fundamentalmente performativa, Box propón preguntarse polo papel das estruturas sociais e culturais nos procesos de metaforización conceptual, o que nos conduce directamente a recoñecer o papel do xénero nos discursos da Nova España. Deste xeito, ten observado un amplo corpo de calificativos moi presentes nos discursos falanxistas que constrúen unha imaxe da nación como intrínsecamente viril.
Discursos que establecen unha separación dicotómica onde o adversario é producido coma xustamente o contrario -unha España recta, firme e vigorosa se enfrenta a unha anti-España torcida, débil e histriónica- e onde ten lugar unha metaforización conceptual da España viril en torno á uniformización,
a linealidade e a solidez.
Efectivamente, toda a secuencia de calificativos que o discurso atribúe tanto á Nova España como á anti-España se desenvolven a partir dunha oposición xenerizante que o primeiro franquismo plantexa non a partir dun binomio masculino-femenino, senón dun binomio viril-afeminado. Isto permitiu aos
discursos falanxistas transgredir a división entre os corpos sexuados de homes e mulleres e aportar á súa función relacional de oposición binaria esencialmente normativa un comportamento elástico, no que a xenerización viril da nación se proxecta ao conxunto do corpo social.
Pero Zira Box sinalou, asimesmo, que o discurso viril foi moito máis elástico do que os seus produtores pretendían, e o ilustrou a través do exemplo do pintor madrileño José Gutiérrez Solana, cuxo caso resulta chamativamente paradóxico posto que a súa obra plantexaba unha clara contradicción con
respecto aos paradigmas do discurso viril falanxista e sen embargo foi cooptada a través dunha serie de renegociacións argumentativas orientadas á súa virilización. É ante á evidencia destas reconversións que debemos asumir o carácter poroso e funcional do discurso viril da nación.
Para finalizar a sesión, abriuse un turno de debate no que se preguntou á investigadora acerca do peso e a presencia do discurso xenerizado da España viril en comparación con outros temas fundamentais do discurso falanxista. Tamén acerca do alcance social do discurso viril, da correspondencia desta
xenerización cos discursos do bando republicano, así como dos límites que os procesos de aculturación hexemónica atopan ante a cultura popular e mesmo acerca das conexións e contradiccións entre o plano discursivo e o plano da praxe política, o que suscitou unha serie de reflexións baseadas no carácter
performativo dos discursos políticos.