Seminarios HISTAGRA 18_19: “A mobilidade dos dereitos de propiedade de terras rústicas en Galicia: análise das estruturas de gobernanza”, con María José Enríquez García
Seminarios HISTAGRA 18_19: “A mobilidade dos dereitos de propiedade de terras rústicas en Galicia: análise das estruturas de gobernanza”, con María José Enríquez García
Alba Díaz Geada e Uxía Otero González
Grupo HISTAGRA
Desta volta, pechamos o ciclo de Seminarios de HISTAGRA do curso 2018-2019 da man da investigadora María José Enríquez García. Membro do LaboraTe (Laboratorio do Territorio, USC) ten centrado o seu estudo nos sistemas de gobernanza, na xestión e administración de terras e no desenvolvemento rural. Doutora en enxeñaría coa tese Mobilidade dos dereitos de propiedade da terra en Galicia: unha aproximación cuantitativa e cualitativa (Santiago de Compostela, 2019), presentounos unha aspecto da súa investigación baixo o título: “A mobilidade dos de reitos de propiedade de terras rústicas en Galicia: análise das estruturas de gobernanza”. A fondura e complexidade do que constitúe namais unha miguiña do traballo desenvolvido, dá conta da magnitude do seu proxecto investigador. Con ela, comezamos por pensar na mirada. No que distintos marcos teóricos nos permiten ver, e no que deixan na zona escura.
Desde esa pregunta necesaria, e desde unha mirada sen anteolleiras, vainos presentando estruturas de gobernanza de distinto tipo, organizadas en tres bloques: o mercado (os prezos); as xerarquías (as regulacións, os mecanismos de supervisión e de integración); as redes (as estratéxicas e as comunitarias). A seguir, imos debullando e exemplificando cada unha das formas mencionadas. Perante o predominio, poderiamos sintetizar, da non intervención estatal, resulta de particular interese atender ás redes comunitarias. A compra e a venda guiadas pola lóxica do custe-beneficio, están moi lonxe de representar a realidade toda. No debate colectivo, volvemos pensar a comunidade.
Amais das olladas están as palabras. Ollar que a confianza e a pertenza (e non, ou non tanto, ou non sempre, o lucro) guían cesións e arrendos, esixe repensar e renomear. A inxente tarefa investigadora de quen nos acompaña permite non só enriquecer o estudo da mobilidade da terra, senón tamén contribuír á comprensión histórica da comunidade e ás súas mudanzas. Volvemos á comunidade, e volvemos á propiedade. A que fora eixo de estudo para comprender unha sociedade en transformación, ten aínda moito por coñecer. Nun tempo de miradas fragmentadas, seminarios coma este volven amosarnos canto máis non podemos ver a partir do diálogo sen prexuízos entre saberes, ca dentro dun pequeno caixón disciplinar. Moi agradecidas.