Nova publicación do Grupo HISTAGRA

Nova publicación: Galicia, un golpe sin cuartel, una guerra sin trincheras. La construcción sociopolítica de la dictadura franquista (1936-1960)

 

HISTAGRA, a través do IP Lourenzo Fernández Prieto e do colaborador externo e antigo doutorando do grupo, Francisco J. Leira Castiñeira, coordina a edición do estudo, Galicia, un golpe sin cuartel, una guerra sin trincheras. La construcción sociopolítica de la dictadura franquista (1936-1960), publicado pola editoral da Universitat de València e no que escriben membros do grupo, asi como colaboradores externos e doutor@s formad@s nos últimos anos.

 

O que se pretende con este traballo, é introducir a Galicia no debate historiográfico sobre a construción sociopolítica e institucional do franquismo. Analízanse o golpe de estado, a trama civil, a mobilización social masculina (recrutamento militar e milicias fascistas) e feminina, o papel da muller, a prostitución, a política de vivenda etc. Amosa o que significou para a sociedade civil, moito máis activa social e politicamente (tanto no campo como na urbe) do que se pensaba en Galicia.

 

Aínda que polo título poida parecelo, este non é un libro sobre a historia de Galicia. É un libro feito desde Galicia que versa sobre unha forma violenta de tomar o poder para derrubar unha democracia pluripartidista na Europa dos anos trinta e que analiza como funcionou o cuarto de ensaio dunha ditadura totalitaria que se consolidou en tempos do fascismo. Como o franquismo foi o único réxime ditatorial saído das cinzas dunha guerra total, enmarcar estas singularidades nos procesos do seu tempo e contextualizalas é fundamental para aspirar a abordar un estudo máis amplo. Detrás do golpe podería dicirse que hai moita máis acción militar que reacción política polo escaso peso social co que contou. Pero a acción militar requiriu a construción dun proxecto político que, a medida que se dilatou o golpe de estado e converteuse en guerra, xa non puido ser o especificado nas Instrucións de Mola e a súa inconcreta ditadura republicana. Esta evolución tivo o seu reflexo nos territorios que caeron primeiro en poder dos golpistas. Sen entender como se desenvolveu nestes territorios non poderemos comprender a lóxica da ditadura imposta no resto do Estado. Un traballo coral que pretende achegar unha nova perspectiva á construción do franquismo desde a súa orixe –o golpe de estado– e que inclúe os territorios que caeron en poder dos golpistas en xullo de 1936, os cales moi a miúdo quedaron obviados da análise historiográfico.

 

Máis información:

 

https://histagra.usc.es/es/publicacions

Documentos