HISTAGRA nos Premios Follas Novas do Libro Galego 2023

Daniela Ferrández, investigadora de HISTAGRA, premiada como mellor ensaio en 2023
A investigadora de HISTAGRA Daniela Ferrández autora do traballo A defunción dos sexos. Disidentes sexuais na Galiza contemporánea, ven de ser recoñecida co premio Follas Novas do libro Galego 2023 como mellor ensaio 2023.
A defunción dos sexos: disidentes sexuais na Galiza contemporánea é un libro divulgativo que recompila historias e memorias de persoas que viviron alén da norma sexual na Galiza dos últimos cento cincuenta anos. A través de fontes de arquivo e xornalísticas reflexiónase sobre algúns dos itinerarios que estas persoas tiveron que percorrer e o seu enfrontamento co xugo dunha sexualidade obrigatoria que as condenaba ás marxes e ao ostracismo. Este libro parte coa conciencia de que a saída dese caixón agochado no que a historia depositou as disidentes sexuais é un paso imprescindible á hora de articular unha memoria LGBT na Galiza de hoxe. Para isto, o desenvolvemento do traballo non se centra nun relato exhaustivo sobre a disidencia sexual e de xénero en cada unha das épocas investigadas, senón que estas se configuran como pequenas xanelas das que se extraen historias e memorias de persoas diversas.
A obra competía na categoría a mellor ensaio cos traballos, A música das palabras de Dario Xohán Cabana e Maternidades virtuosas. Unha crítica aos modelos profesionais de crianza de María do Cebreiro
Daniela Ferrández (Almoradí, 1988) é doutora en Historia (2013 UA) e Máster en Historia Contemporánea (2014 USC). A súa tese versou sobre o clientelismo político na Restauración desde unha perspectiva comparada (Galicia-Comunidad Valenciana). O título foi: Novos e vellos actores: clientelismo político e poder local en perspectiva comparada (1905-1936). Na actualidade é contratada posdoutoral da USC a través da convocatoria Margarita Salas.
As súas liñas de investigación son o clientelismo político durante o primeiro tercio do século XX; a democratización da sociedade rural e a represión franquista.