HISTAGRA no IX Congreso Internacional de Agroecología

Investigadores de HISTAGRA participan no IX Congreso Internacional de Agroecología de Sevilla
Entre o 19 e o 21 de xaneiro de 2023 ten lugar en Sevilla o IX Congreso Internacional de Agroecología. Nel, participan os investigadores de HISTAGRA, Lourenzo Fernández Prieto, Roque Sanfiz Arias e David Fontán Bestilleiro.
Sobre o congreso:
A temática do Congreso virará ao redor da construción de sistemas alimentarios locais de base agroecológica (SALBAs). A maneira máis idónea de dar o salto de escala que reclama a crise do sistema alimentario é a expansión e consolidación das numerosas experiencias de alimentación alternativas xurdidas nos últimos tempos, buscando desenvolver as sinerxias entre elas. Para iso, faise necesario fortalecer os elos da cadea alimentaria e establecer sólidas alianzas entre eles para que xuntos, produción e consumo, poidan configurar sistemas alimentarios alternativos ao corporativo. Nos últimos anos, tanto as experiencias de innovación social como as discusións sobre como escalalas proliferaron, pero quedan aínda numerosas cuestións por resolver en canto ao proceso de implementación dos SALBAs. Precisamente por iso, este congreso busca xerar un espazo de intercambio e debate colectivo que sirva para alumar o avance da transición agroecológica e, máis concretamente, dos SALBAs.
Sobre a presenza de HISTAGRA:
Título do panel: Experiencias agroecolóxicas transformadoras e o seu potencial de escalamento
Nome dos/as autores/as: David Fontán Bestilleiro; Lourenzo Fernández Prieto; David Soto Fernández; e Roque Sanfiz Arias
Título da presentación: Historia aplicada para a transición socioecolóxica: a experiencia do Laboratorio Ecosocial do Barbanza
Resumo: O Laboratorio Ecosocial do Barbanza (https://barbanzaecosocial.org/) é un proxecto de investigación e acción que xorde con dous obxectivos principais: 1) coñecer as lóxicas endóxenas do territorio de estudo —a comarca ou biorregión do Barbanza (Galicia)— a través da investigación e do traballo con varias comunidades para 2) apoiar o desenvolvemento de novas propostas que contribúan na construción de alternativas de futuro sustentables para o Barbanza. Estes dous obxectivos, que se atopan completamente imbricados, guían as dúas fases principais nas que se estrutura o proxecto: a investigación e a acción. Deseñado como un proxecto de historia aplicada, o laboratorio busca entender para mobilizar. Na fase de investigación, o laboratorio centrouse en analizar as dinámicas sociais e ecolóxicas que permitiron unha articulación resiliente do territorio e das comunidades, así como nas ameazas e rupturas que enfrontaron ao longo dos últimos dous séculos. As comunidades locais foron cocreadoras deste coñecemento, e a socialización dos resultados con elas conformou unha parte esencial no desenvolvemento do propio estudo, tanto desde un punto de vista ético como para a activación de procesos produtivos construídos sobre a lóxica da sustentabilidade. Esta última idea constitúe a segunda fase da iniciativa, que se atopa actualmente en desenvolvemento. Na presente comunicación propoñemos presentar os resultados do proxecto nunha perspectiva ampla, aproximándonos aos resultados alcanzados nas dúas fases. Para a crítica e o debate no seo do seminario, interésanos particularmente presentar as conclusións do propio proceso de investigación na lóxica da historia aplicada, analizando os seus riscos e as súas potencialidades a partir da experiencia concreta do laboratorio.
Máis información:
https://congresoagroecologia2023.es/informacion/