HISTAGRA na Presentación da Estratexia Alimentaria Eo Alimenta e do Festival da Alimentación Sostible do Eo

HISTAGRA na Presentación  da Estratexia Alimentaria Eo Alimenta e do Festival da Alimentación Sostible do Eo

 

Onte xoves, 30 de xuño de 2022, ás 19.00 horas, no Espazo APEGO da Casa de Cultura de Ribadeo, tivo lugar a presentación pública da Estratexia Alimentaria Eo Alimenta e do Festival da Alimentación Sostible do Eo. 

 

Na presentación estiveron as persoas representantes dos diferentes axentes que impulsan o proxecto Eo Alimenta: produtoras, concellos, consumidoras, grupos de desenvolvemento rural, a universidade de Santiago a través do Grupo HISTAGRA e o CISPAC e sindicatos agrarios. Tamén,  representantes do Concello de Ribadeo e da Deputación de Lugo, organismo que financia o Festival da Alimentación Sostible do Eo, que se celebrará os días 23 e 24 de setembro en diferentes espazos de Ribadeo. Dous días que axuntarán lecer e concienciación ao redor da alimentación de proximidade e agroecológica, a través de diferentes actividades e propostas (concertos, talleres, performance, catas, feira, etc.) que darán respostas aos principais retos que afrontamos na actualidade en relación ao modelo de produción, distribución e consumo de alimentos. 

 

A Estratexia Alimentaria Eo Alimenta, que será tamén presentada ese día, elaborouse participativamente durante a primeira fase do proxecto, e consiste nun documento con 11 medidas e 33 accións para impulsar o consumo de proximidade, a produción agroecológica e a sensibilización ao redor da importancia dun modelo de alimentación de proximidade para a nosa saúde. 

 

Eo Alimenta comeza agora a súa fase de implementación, nun contexto sociopolítico que pon de manifesto a necesidade de avanzar cara a modelos de produción, distribución e consumo de proximidade que poidan resistir a inestabilidade da economía global.

 

O Grupo HISTAGRA xunto ao CISPAC, un dos impulsores do proxecto e o responsable, a través da USC ante a Fundación Carasso, estivo presente a través do catedrático de Historia Contemporánea IP de HISTAGRA e director do CISPAC Lourenzo Fernández Prieto.

 

Máis información:

 

https://eoalimenta.org/es/eo-alimenta-presenta-publicamente-dos-nuevos-hitos-la-estrategia-alimentaria-y-el-festival-de-la-alimentacion-sostenible/