Estreno do documental: Removendo a terra, de Antonio Caeiro. 30-5-2022

Estreno do documental Removendo a terra, un traballo de Antonio Caeiro
No ano 2021 a Universidade de Santiago de Compostela asinou un convenio de investigación coa Xunta de Galicia para desenvolver o Plan Cuadrienal de Memoria Democrática. Esta investigación levouna a cabo un equipo interdisciplinar composto por historiadores, arqueólogos, forense e xenetistas, membros de diferentes grupos de investigación da USC.
As accións que se levaron a cabo, foron: Documentación, exhumación, análises forenses e xenéticos dos restos mortais atopados nas fosas comúns de Vilagarcía de Arousa e Crecente. http://fosas.nomesevoces.net/lugares/cartografia
Amais, leváronse a cabo outras iniciativas, onde destaca a colaboración co Faiado da Memoria de Vilagarcía para a produción dun documental baseado en traballos previos do Faiado e os desenvoltos polo equipo de investigación na fosa de Rubiáns en novembro de 2021. O resultado disto é o que presentamos o día 30 de maio ás 19:30 h. no Paraninfo da USC (Praza da Universidade, 1): O documental REMOVENDO A TERRA, un traballo de Antonio Caeiro e Margarita Teijeiro
Sobre o documental:
Traballo realizado a partir da exhumación levada a cabo na fosa común do cemiterio de Vilagarcía de Arousa nas primeiras semanas do mes de novembro de 2021 co fin de documentar o proceso da apertura así como da dignificación das persoas que alí foron enterradas entre os anos 1936 e 1939.
Datos:
Título: Removendo a terra
Data estreno: 30 de maio de 2022
Lugar: Paraninfo da USC. Praza da Universidade, 1
Hora: 19:30
Contacto: histagra@usc.es