HISTAGRA na Xornada “Baroña, a comunidade que fai sustentabilidade”. 14-07-2021

Baroña acolle o mércores 14 de xullo a xornada “Baroña, a comunidade que fai sustentabilidade”
Ao longo do último ano o Grupo HISTAGRA da USC e a Fundación Ría levaron a cabo o proxecto Laboratorio Ecosocial do Barbanza. Esta pioneira investigación-acción, que conta co apoio da Fundación Santander, tivo especial atención no Monte Veciñal en Man Común de Baroña (Porto do Son).
Este proxecto mira ao pasado e ao presente das comunidades locais para impulsar os aproveitamentos sustentables do futuro, baixo esta premisa ven de editar a obra colectiva Cando eramos sostibles. Aprendendo no Barbanza as claves do futuro, que se pode descargar de balde na web https://barbanzaecosocial.org/. Esta publicación recolle información de veciños e veciñas de Baroña que relataron a relación pasada e presente co monte, un traballo que procura non so reconstruír a memoria da comunidade, senón pensar nela en termos de transición ecosocial: que hai do pasado que poida ser recuperado para contribuír a unha transición socioecolóxica no territorio.
A xornada pública terá lugar o mércores 14 de xullo ás 19h. na Casa Forestal da Comunidade de Monte Veciñal de Baroña e contará coa presenza dos promotores do proxecto, o Catedrático de Historia Contemporánea da USC e IP de HISTAGRA Lourenzo Fernández Prieto, e o profesor David Soto, experto en historia ambiental, así como os membros da Fundación RÍA, Manuel Rodríguez e Adrián Capelo.