O Ministerio de Agricultura publica 'Agriculturas e Innovación Tecnológica en la Península Ibérica (1946 -1975)', obra colectiva na que participan investigadores de HISTAGRA

Ven de publicarse hai unhas semanas, a obra Agriculturas e Innovación Tecnológica en la Península Ibérica (1946-1975), coordinada por Dulce Freire (Instituto de Ciências Sociais de la Universidade de Lisboa) e Daniel Lanero (Investigador membro de HISTAGRA), e editada polo Centro de Publicaciones del Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino. Trátase do resultado (enriquecido e matizado por posteriores debates colectivos) do seminario internacional que, baixo o mesmo título, se celebrou na Universidade de Santiago de Compostela no inverno de 2007.

A obra representa un avance moi significativo para os estudos ibéricos en ámbitos como a Historia Agraria ou os Estudos Comparados sobre as ditaduras peninsulares de inspiración fascista (Franquismo e Estado Novo) nos que aínda non existe unha tradición consolidada de aproximación conxunta. Á súa vez, o libro explora a múltiples niveis os agudos procesos de transformación (económica, social ou cultural) experimentados polo mundo rural ibérico durante os trinta anos que seguiron á fin da Segunda Guerra mundial, prestando unha especial atención á relación entre as dinámicas de evolución interna e os cambios na esfera internacional.

Entre a axenda de temas de aborda esta obra colectiva pódense destacar: a xénese internacional do concepto de Revolución Verde e a incorporación (forzada) das agriculturas ibéricas ao novo paradigma modernizador procedente dos EUA; a evolución dos procesos de cambio tecnolóxico e dos propios subsectores agrarios; as consecuencias sociais e ambientais que a industrialización da agricultura tivo para as comunidades rurais peninsulares; as disputas entre elites políticas polo control do proceso "modernizador" ou as modalidades de asociacionismo postas en marcha no mundo rural ibérico polos réximes dictaroriales de matriz fascista.

A este novidoso traballo colectivo, que consta de dez capítulos (organizados por "pares temáticos" para facilitar o diálogo interno na obra) e dunha introdución que os contextualiza, contribuíron seis investigadores que forman parte de HISTAGRA: Lourenzo Fernández Prieto, o seu Investigador principal, Miguel Cabo Villaverde; Wilson Picado Umaña; Ana Cabana Iglesia; Eduardo Rico Boquete e Daniel Lanero Táboas.

Agriculturas e Innovación Tecnológica en la Península Ibérica (1946 -1975) permitiu a HISTAGRA fortalecer a súa estratexia de colaboración e intercambio científico con outros Grupos e Investigadores de referencia no panorama da Historia Agraria ibérica. En Portugal, co Instituto de História Contemporânia (IHC) da Universidade Nova de Lisboa, o Instituto de Ciências Sociais (ICs) da Universidade de Lisboa ou o Instituto Superior de Economia e Gestão (ISEG). Dentro de España, con Grupos de Investigación das Universidades Autónoma de Madrid (UAM) e Pablo de Olavide de Sevilla. Con todos eles, HISTAGRA vén desenvolvendo dende hai bastante anos unha intensa e frutífera colaboración en diversas e novidosas liñas de investigación das que esta obra colectiva é unha nova mostra.

Documentos