Laboratorio Ecosocial do Barbanza, un proxecto que mira ao pasado e presente das comunidades locais para impulsar aproveitamentos sustentables do futuro

O venres 17 de xaneiro ás 12:30 presentamos no salón de plenos do concello de Porto do Son o Laboratorio Ecosocial do Barbanza. O proxecto, financiado pola Fundación Banco Santander, está impulsado pola Fundación RIA en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela a través do grupo HISTAGRA e co apoio da Cátedra Juana de Vega (USC).
Colaboración entre entidades
A proposta de proxecto xurde da coincidencia de visións de recuperación de espazos naturais habitados entre a Fundación Banco Santander e a Fundación Rede de Innovación Arousa (RIA), que buscan a conservación medioambiental e garantir a provisión de servizos ecosistémicos. Ao mesmo tempo impúlsase un manexo sostible e produtivo do territorio por parte das comunidades, mediante o fortalecemento das economías de base agraria e pesqueira.
A Fundación RIA, que organiza e dirixe a iniciativa, ten traballado nos últimos tres anos para acadar un coñecemento amplo do territorio do Barbanza e da Ría de Arousa así como dos actores que viven, traballan e estudan este lugar. A xeración dunha alianza coa Universidade de Santiago de Compostela, a través do grupo HISTAGRA (histagra.usc.gal) supón a continuación dunha relación iniciada en procesos anteriores e coa que se pretende articular unha innovadora proposta de investigación-acción a través da creación do Laboratorio Ecosocial do Barbanza. Conta co apoio da Cátedra Juana de Vega da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, financiada pola Fundación Juana de Vega para promover o coñecemento da vida e obra de Dª Juana de Vega así como o seu contexto histórico.
Obxectivo
O enfoque desta iniciativa amosa cuestións cara as políticas e estratexias de conservación medioambiental: É posible protexer un territorio cando se eliminan as relacións coas persoas que o habitan? Podemos encontrar conceptos como "economía circular", "valorización de residuos" ou "aproveitamento sostible de recursos" nas formas de manexo histórico do territorio? É a protección total garantía de conservación dun ecosistema?
A través do Laboratorio Ecosocial do Barbanza preténdese artellar e afianzar propostas ecoagroinnovadoras que dean resposta á biorrexión na que se localiza o proxecto, á vez que parte de todo un conxunto de saberes, tanto históricos como actuais, cos que amosar alternativas de futuro máis sostibles.
O proxecto pretende xerar un espazo multidisciplinar xerador de diálogos entre axentes e comunidades, aberto ao intercambio de coñecementos desde o que construír procesos que melloren a resiliencia do territorio, tanto desde o punto de vista económico, social como ambiental.
Ámbito do proxecto
O proxecto desenvolverase na biorrexión do Barbanza, que comprende aos concellos e ás comunidades de montes en man común de: Rianxo, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Lousame, Porto do Son e Dodro.
Fases
O proxecto desenvolverase ao longo de 2020 e 2021 e está organizado en dúas fases: Investigación e Acción.
Fase 1: Investigación.
Mapeo do manexo histórico do territorio.
“A percepción do pasado e do presente condiciona a imaxinación do futuro e as posibilidades de cambio” (Naredo). De aí a pertinencia de atender aos manexos históricos do pasado como mostra de procesos de sustentabilidade, atender a aqueles que, aínda cos xeitos de vida actuais, poidan ser replicados no futuro. O mapeo de aproveitamentos do territorio realizarase a través da análise pormenorizada de 3 estudos de caso presentes na bisbarra.
Metodoloxía de escoita
A contrastación articúlase a través da metodoloxía de escoita, é dicir, xerando mecanismos de participación desde os que, a través desa observación atenta, atender ás demandas cidadás que se poidan ir incorporando no propio desenvolvemento do proxecto.
Atlas de aproveitamentos sostibles
Para concluír a primeira fase elaborarase un Atlas de aproveitamentos sostibles no que se incluirán os coñecementos adquiridos en tres estudos de caso, propostas derivadas do manexo histórico do territorio que podan ser replicadas na actualidade e un banco de ideas que sirvan de exemplo e motivación para a propia cidadanía.
Fase 2: Acción
Durante a Fase 2: Acción o proceso articúlase a través das seguintes preguntas:
Que procesos identificados no territorio poden desenvolverse? Que novas iniciativas se poden implementar no territorio? ou Como se pode axudar na escalabilidad de procesos para que se doten dun maior impacto e nivel de sustentabilidade? Resultado dos procesos desenvoltos na Fase 1: Investigación, impulsaranse Proxectos semente, unha serie de accións e proxectos que recibirán unha dotación económica para a súa posta en marcha.
Comunicación
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza pretende ser unha ferramenta replicable e aberta á cidadanía, polo que establece canles de comunicación das súas actividades. A través dun blogue publicarase periodicamente información de actualidade, anunciaranse as actividades programadas e recompilaranse os resultados das investigacións. As redes sociais, Facebook e Instagram, serán ferramentas de comunicación máis áxiles e que promoverán a interacción coa poboación local.