Un diagnóstico para o agro hoxe

O seminario Que futuro para o agro? celebrouse en Ribadeo o dia 3 de febreiro de 2012, e foi organizado pola Rede ReVolta de Agroecoloxía e Historia.
Presentación:
O día 3 de febreiro de 2012 celebrouse en Ribadeo, nos locais da Granxa "Pedro Murias" (Centro de Formación e Experimentación Agroforestal dependente da Xunta de Galicia), o seminario-debate "¿Que futuro para o agro? Crise e cambio de paradigma". O evento foi organizado por ReVolta, rede de grupos de investigación en agroecoloxía e historia das universidades de Santiago de Compostela e Vigo, e contou coa asistencia de trinta destacados académicos procedentes dun amplo abano de disciplinas como a economía, historia, xeografía, agronomía, bioloxía, edafoloxía, ciencia política ou arquitectura.
A Granxa e escola Pedro Murias foi escollida como espazo simbólico do pasado de innovación no rural de Galicia. Fundada a primeiros do século vinte polo filántropo que lle da nome, todos os seus edificios eran experimentais e foi escenario de eventos singulares como o primeiro concurso de vacas leiteiras en 1924, os primeiros experimentos con variedades melloradas de millo ou a compra dun dos primeiros tractores usados de Galicia.
O obxectivo do seminario era intentar establecer un diagnóstico sobre os problemas actuais do rural galego. Quixemos reunir toda a diversidade das perspectivas existentes no ámbito académico para debater toda a gama identificable de puntos de vista e tentar tirar conclusións dese debate. Cómpre salientar que non era parte do obxectivo a proposta de solucións ou alternativas de futuro, senón o diagnóstico da situación actual e das circunstancias nas que chegamos a ela.
O encontro é o primeiro dunha xeira sobre o futuro do espazo rural en Galicia. Cuestión ambiciosa e ampla que non ten unha única resposta e que require da participación de moitos máis saberes e colectivos alén do académico, de diversos axentes e actores.
Introdución ao debate
O seminario organizouse pola mañá en dúas sesións de traballo en grupos reducidos, cada unha delas precedida dunha breve introdución a cargo dos profesores Ramón Villares Paz e Edelmiro López Iglesias. De seguido, a sesión plenaria realizada de tarde permitiu aos asistentes poñer en común as ideas debatidas ao longo da mañá.
Vídeo: De onde vimos? Intervención de Ramón Villares Paz
Vídeo: Onde estamos? Intervención de Edelmiro López Iglesias
Algunhas conclusións do debate sobre diagnóstico:
Como era de esperar, os resultados do debate conteñen máis preguntas que respostas, que esperamos sirvan para (re)pensar a situación do noso rural, entendido como espazo (territorio) pero tamén como tecido social. A continuación presentamos algunhas das máis relevantes:
a) Cambio de época e de paradigma: as concepcións e solucións da revolución verde (1945-1995) non serven para o futuro.
• O modelo produtivo vixente non é sostible. Non se valora a terra, que se maltrata. Existe, por exemplo, unha desvinculación entre a gandería e o entorno físico (a maioría das explotacións depende de insumos externos) cando a gandería debería sosterse coa alimentación propia da terra.
• A continuidade na aplicación do paradigma vixente, especialmente no ámbito tecnolóxico e na reestruturación no uso e xestión das terras, está a producir efectos irreversibles no rural (a transformación da paisaxe, a perda de microtoponimia, a contaminación dos acuíferos, por citar algúns).
• É posible aproveitar a base tecnolóxica e os procesos de redimensionamento da terra para transformar o modelo produtivo, pero tendo conta dos custos ambientais provocados pola modernización agraria.
• Quizais o agro galego non comercializaba adecuadamente, pero dera forma a un agroecosistema de alto valor ambiental e evidenciara a súa capacidade de innovación dende o século XVIII.
b) Saberes e coñecementos endóxenos e esóxenos, novos e vellos, locais e globais.
• Despois da quebra do modelo da revolución verde, precísase un esforzo de readaptación en materia agroecolóxica.
• ¿Como recuperar o coñecemento tradicional (do territorio, pero tamén dos cultivos) antes de que se perda totalmente?
• Existe coñecemento local e científico suficiente, mais están a miúdo separado e é preciso casalos. O sistema institucional e as ciencias agrarias están disociadas.
• En relación á cuestión de aproveitamento dos saberes tradicionais, mencionouse o problema da transmisión de saberes: ¿como transformamos os saberes para contribuír á transformación do rural?
• Disociación entre os expertos e as comunidades: os primeiros non se preguntan que queren as segundas. ¿Como se pode incorporar ós moradores ó proceso de toma de decisións? Os servizos de extensión agraria funcionan como xestoría. As subvencións potenciaron o modelo produtivista e as tecnoloxías intensivas. O máis potente servizo de extensión é actualmente o das grandes corporacións, que dispoñen de técnicos en campo (de modo intelixente, estes non son estritamente vendedores ou comerciais) para asesorar a agricultores e gandeiros.
c) Poboamento e ocupación.
• Nun contexto de despoboamento e de avellentamento: ¿como pensar as novas funcións do rural desde a perspectiva da perda de poboación?
• Existe un desestruturación da sociedade rural galega como resultado dun éxodo rural masivo. Vivimos unha transición moi acelerada.
• A estrutura do hábitat existente é insostible: é necesario relacionar a concentración da poboación en cabeceiras comarcais coa potenciación dos mercados curtos.
• A estrutura do hábitat non é igual á estrutura da produción: se alguén pode vivir en Santiago e traballar en Pontevedra, ¿non se pode vivir en Rábade e ter unha explotación en Guitiriz? (e cando a resposta é non, ¿é porque continuamos a pensar nunha explotación de leite?)
d) mercado e mercados.
• Sería desexable o retorno aos mercados curtos, que pechan os ciclos económicos. Recuperar a integración entre a produción e o comercio. ¿Non hai futuro para o autoconsumo tradicional?
• O rural responde ó mercado... pero o mercado perfecto raramente existe, e existen axentes con moito máis poder que outros. O mercado non é quen de asignar o factor terra de modo eficiente, en parte porque non pode solucionar por si mesmo as especificidades do sistema de propiedade.
• En ausencia de mecanismos ou estratexias que permitan superar de maneira efectiva a fragmentación dos dereitos de uso da terra, moitos propietarios basean as súas decisións nos incentivos a curto prazo procedentes do mercado (o eucalipto é exemplo paradigmático).
O mercado e a política:
• Existe unha disociación entre o entramado institucional e as comunidades agrarias locais. A comunicación das institucións é pouco efectiva, pero a voz do mercado é forte.
e) política e políticas. Rural-urbano-rural
• Os problemas do agro galego explícanse por un problema de planificación política: en realidade, ”nunca” interesou desenvolver o rural?
• As demandas do medio rural non son escoitadas polo medio urbano, nin tampouco ó revés. Non se trata soamente de que as demandas do medio urbano cheguen ao medio rural, correríase o risco de caer en proxectos de “enxeñería social”. En realidade, as demandas ambientais xorden no mundo urbano. ¿Como cadrar as necesidades de ambos? ¿ata que punto o mundo urbano está disposto a transferir recursos para manter un certo tipo de medio rural? Posiblemente, hai un problema de “canles de comunicación”. Non hai comunicación de ida e volta.
• Poñemos énfase nos problemas do rural, cando o medio urbano é parte inseparable do mesmo problema. Sería necesaria unha visión territorial global, que inclúa a consideración da identidade e do patrimonio natural. A división rural/urbano é cada vez máis difícil na práctica (hábitos urbanos, desprazamentos diarios ó traballo, etc). ¿Que sacrificariamos na urbe, se fora o caso, para darlle ó campo?
Algúns cambios???
• O debate sobre o redimensionamento das unidades de xestión non está pechado. ¿Precisan tódalas estratexias produtivas dun aumento do tamaño das explotacións? En todo caso, son posibles cambios da propiedade que o faciliten: a súa estrutura, os dereitos e deberes que implica. Tamén son posibles cambios na xestión sen alterar a estrutura da propiedade, actuando exclusivamente sobre os dereitos de uso.
• Existe a necesidade dun cambio no modelo de consumo, e do fomento da tecnoloxía propia.
Conclusións da Rede ReVolta
O rural que non é agrario aínda non é outra cousa:
Practicamente tódolos asistentes certificaron a defunción do rural galego como o coñecimos. Sábese o que morreu pero non o que nace e existen grandes diferenzas de opinión en cal debe ser o futuro, e dende que perspectiva se debe crear ese futuro: se dunha visión de conservación do pasado, se dunha perspectiva da busca da eficiencia enerxética no uso dos recursos, se da perspectiva dun rural que oferta bens e servizos para a poboación urbana.