Nova publicación do investigador de HISTAGRA Ramón Villares

Acaba de publicarse o libro do membro de HISTAGRA Ramón Villares Paz: Identidade e afectos patrios. Unha obra publicada pola editorial Galaxia.

Sobre o libro:
Os ensaios reunidos neste libro teñen un elo común, que é indagar sobre o proceso de creación e bloqueo da identidade galega e a formación dunha narrativa de Galicia como nación cultural. O obxectivo é descubrir valores, prácticas e símbolos que cohesionan unha comunidade, de modo que importan menos os feitos históricos e máis os procesos de construción deses símbolos e valores, nos que se advirten ademais momentos de mutación, de resignificación e dunha funcionalidade cambiante. A construción dese repertorio simbólico foi obra, en xeral, de estados-nación que “nacionalizaron” a súa poboación mediante a escola, o exército, os conflitos territoriais e, ás veces, a relixión. A orixinalidade do caso galego está en que monumentos, festas patrióticas e lugares de memoria
foron promovidos por grupos minoritarios que tiveron un apoio esencial das colectivdades de emigrantes en América. Heroes como Pardo de Cela, mártires como os de Carral, líderes ou “traidores” como Xelmírez, bardos como Pondal, referentes próximos e distantes como Portugal ou himno e bandeira son fitos que van marcando o territorio desa identidade construída sobre herdanzas do pasado, como unha “comunidade imaxinaria” proxectada cara ao futuro.

Sobre o autor:
Catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela desde 1987. Membro Numerario da Real Academia Galega e Investigador Honorario do Instituto de Ciências Sociais (U.Lisboa) (desde 2011). Membro do Consello Editorial de Marcial Pons, Ediciones de Historia (Madrid) e membro do Consello Asesor de revistas como Historia Social (Valencia), Ler História, Análise Social (Lisboa), Ayer. Pertence aos patronatos do Museo do Pobo Galego, da Fundación Luís Seoane, da Fundación Otero Pedrayo e da Fundación Juana de Vega. É Presidente do Consello da Cultura Galega desde 2006. As súas liñas de investigación son a Historia agraria, a politización campesiña, historiografía, estudios culturais, historia das migracións e do exilio.

Ligazóns:
http://editorialgalaxia.gal/produto/identidade-e-afectos-patrios/

Documentos