Ana Cabana no Seminario Comúns e Cultura

O sábado 7 de outubro terá lugar no Museo de Arte Contemporánea de Vigo o Seminario Comúns e Cultura, encontro no que se procurará contribuir a pensar os comúns por vir, en tanto estes permiten redefinir conceptos como “comunidade” e a “cidadanía”, así como a propia noción de “cultura” e as prácticas que a ela se asocian. O Seminario é organizado polo Proxecto Derriba, un colectivo de pensamento contemporáneo e enmarcase dentro do #salóndoMARCO, un proxecto dirixido por Fran Quiroga que pretende establecer unha nova infraestructura no museo que facilite a mediación coa cidadanía e o propio espazo expositivo.
No Seminario intervirá Ana Cabana, doutora en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela (2006) con Premio Extraordinario, coa tese Entre a resistencia e a adaptación. A sociedade rural galega no franquismo (1936-1960) e que actualmente é profesora contratada doutora no Campus de Lugo da USC. A investigadora, membro de HISTAGRA, intervirá coa palestra Non tan febles: comunidades, comúns e conflictos, coa que se abordará o concepto de comunidade, especialmente as relacionadas co mundo labrego.
Xunto a Ana Cabana, no Seminario intervirá o filósofo Amador Fernández Savater, cunha palestra sobre o común en condicións de complexidade, o director do Festival Arte e Comunidade de Porto, Hugo Cruz, quen abordará os conceptos de comunidade e prácticas artísticas. A mañá rematará con un diálogo entre Jorge Linheira e Uxio Novoneyra sobre as institucións e as relacións cos comúns. A tarde comezará con Ana Cabana ás 16:00h. e posteriormente Montenoso analizará as aprendizaxes adquiridas no estudo da xestión comunal dos montes veciñais galegos. O Seminario rematará cun obradoiro, facilitado por Andrea Rico, membro da cooperativa Rexenerando, coa que se procurarán aterrar os conceptos teóricos a través de dinámicas nas que pensar en común como poden darse institucións que atendan aos bens comúns.
O Seminario é aberto e gratuito e pretende convertirse nun espazo de referencia no debate en torno aos comúns, coa participación de persoas relacionadas coa academia, os activismos e os propios facedores dos comúns. Para máis información pódese acceder a esta ligazón: http://www.marcovigo.com/content/programa-do-seminario-com-ns-e-cultura