Seminario: "Da innovación campesiña a un modelo de especialización leiteira baixo a Revolución Verde: Europa no século XX"
Santiago de Compostela, 15 de Diciembre de 2017
GDRI Agriculture, Approvisionnement, Alimentation
Organizado por Lourenzo Fernández Prieto e Daniel Lanero (Grupo de Investigación HISTAGRA – Universidade de Santiago de Compostela)
No fin da Segunda Guerra mundial, a gandería bovina atravesaba por unha profunda crise en Europa occidental, derivada tanto das destrucións da guerra como da contracción do comercio internacional, que afectou á importación de pensos para a súa alimentación. Do mesmo xeito, a presenza de produtos animais (carne, leite, ovos…) na dieta da poboación europea, atopábase aínda lonxe dos niveis de preguerra.
Tanto a gandería de vacún como o consumo de proteínas animais comezaron a se recuperar a inicios da década de 1950, coincidindo coa progresiva substitución dos animais polos tractores como forza motriz do traballo nas granxas europeas.
Neste contexto, asistimos aos primordios dun modelo de innovación agraria moi diferente daquel outro que estivera vixente durante o primeiro terzo do século XX. O seu obxectivo prioritario era garantir o fornecemento alimentario dunha poboación en plena fase de expansión demográfica e cada vez máis urbanizada. De aí, entre outras razóns, a énfase na especialización leiteira.
A Revolución Verde obrigou ás explotacións á incorporación de innovacións tecnolóxicas a gran escala: a importación de exemplares seleccionados de razas con altas capacidades produtivas; a inseminación artificial; os circuítos de muxidura mecánica ou o ensilado… Os gandeiros perderon o control sobre o proceso de innovación en beneficio do estado e dos servizos agronómicos (que se autoproclamaron os seus “titores”).
A especialización leiteira das ganderías atlánticas non se pode entender sin os cambios de escala nas explotacións que esixe a actividade gandeira no marco da Revolución Verde: concentración de explotacións cunha base superficial cada vez máis grande e un elevado número de cabezas estabuladas. Tampouco sen unha crecente dependencia da motorización (tractores, rotativas, etc.);
pensos compostos; tanques de refrixeración; novas instalacións (establos e salas de muxido), antibióticos contra as epizootias, etc.
Neste contexto a agroindustria consolídase como o actor chave que impón a dirección do proceso de especialización produtiva e monopoliza a intermediación na relación dos gandeiros cos seus mercados. As políticas públicas (electrificación rural, construción de novas vías de comunicación, servizos de extensión agraria) convírtense en este período en subsidiarias dos intereses do capital agroindustrial, polo xeral representado por grandes empresas multinacionais.
De acordo coa racionalidade industrial da gandería intensiva, os gandeiros son transformados en asalariados e as políticas estatais de capacitación técnica a eles destinadas, respostan, precisamente, ao obxectivo de os converter en actores eficientes dentro do complexo funcionamento do sistema produtivo.
Científicos e técnicos, axentes básicos das políticas de desenvolvemento e modernización, van oscilar no seu rol entre a mediación e a imposición.