Diego Conde, novo académico correspondente da Real Academia de Ciencias Veterinarias de España

Este luns 19 de decembro, o membro colaborador de HISTAGRA, Diego Conde foi elixido académico correspondente da Real Academia de Ciencia Veterinarias de España (RACVE) dentro da sección 5ª de Historia da Veterinaria.
Reunida a Xunta Plenaria Extraordinaria da RACVE, esta deu o seu voto favorable á proposta avalada polos académicos de número Dr. Miguel Ángel Vives Vallés, Dr. José Manuel Etxaniz Makazaga e a Dra. María Cinta Mañé Seró.

Con esta elección recoñecese o traballo que durante os últimos anos ven realizado Diego Conde a prol da recuperación e divulgación da historia da profesión veterinaria e a da gandería, especialmente no ámbito galego. A súa tese doutoral Veterinaria e mellora pecuaria na Galicia contemporánea. O papel de Juan Rof Codina, baixo a dirección de Lourenzo Fernández Prieto e Manuel Cifuentes, serviu como base para a publicación de traballos que contan co recoñecemento de diferentes premios. Así, o libro Canto val unha vaca?. Da cuestión agraria á cuestión pecuaria recibiu en 2013 o Premio Manuel Murguía de Ensaio que concede a Deputación da Coruña, ou o traballo publicado por Xerais en 2015 Juan Rof Codina. Renovación na veterinaria e gandaría galega contemporánea que acadou o Premio Jesús García Calvo que convocan o Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega) da USC e a Fundación Feiraco, e que recentemente quedou finalista nos Premios da Crítica de Galicia.
Na actualidade, os seus estudos céntranse principalmente en dúas liñas de traballo. En primeiro lugar no proceso de mellora e transformación da Raza Rubia Galega a través da historia e a implicación dos gandeiros en dito proceso. Por outra banda, está recompilando información sobre o papel que xogou a profesión nas transformacións que se veñen levado a cabo nas explotacións leiteiras do noso país dende finais do século XIX, a evolución das condicións hixiosanitaria do leite e a importancia que as iniciativas cooperativistas tiveron durante este período.

Ligazóns:

http://racve.es/
http://histagra.usc.es/gl/persoa/3a130faf174c/

Documentos