Call for panels IIº Congreso International Transicións na Agricultura e a Sociedade Rural

XVI Congreso de Historia Agraria-SEHA # VII Encontro RuralRePort
A Historia Rural está a superar tanto o marco analítico predominantemente nacional ou estatal que a caracterizaba como as perspectivas interpretativas demasiado centradas en Europa e Occidente. Despois do éxito dun primeiro Congreso Internacional (Lisboa-2016), a SEHA e RuralRePort retomamos os reptos globais da investigación en Historia Rural coa organización conxunta dun novo congreso en Santiago de Compostela (Galiza), que se celebrará entre o 20 e o 23 de xuño de 2018.
Neste IIº Congreso eliximos como temática central as Transicións na agricultura e na sociedade rural. Sobre este eixo téntase dar continuidade ao enfoque dunha historia rural transnacional e transcontinental e, tamén, contribuír ao desafío de crear un espazo global de debate sobre a Historia Rural. Trátase de artellar un espazo aberto que, superando fronteiras disciplinares, cronolóxicas e espaciais, recolla os novos reptos expostos e as respostas que desde a Historia Rural están a definirse nos últimos tempos.
As transicións enténdense como espazos históricos de cambios, pero tamén de permanencias e de resiliencias que inclúen conflitos sociais e formas de resistencia. As transicións demográficas, ou socio-ecolóxicas, as nutricionais, as culturais, sociais e políticas, as coloniais e pos-coloniais ou os cambios de paradigmas científico-tecnolóxicos son exemplos deses procesos históricos de mudanza.
Ao longo do últimos cinco séculos, as intensas relacións entre continentes, civilizacións e culturas tiveron múltiples efectos sobre a agricultura, a propiedade, as sociedades rurais e o medio ambiente. Produtos, factores de produción, técnicas, saberes, institucións, culturas, normas xurídicas traspasaron fronteiras, e esta circulación a escala global provocou transformacións na paisaxe, cambios nos usos do chan, nos dereitos de uso e propiedade, nos patróns de consumo, os hábitos alimenticios e os mercados.
Como desafío teórico e historiográfico, a superación de fronteiras require un maior dialogo, non só entre historiadores de varios continentes e especialidades (económica, política, social, xurídica) senón tamén entre disciplinas que enfocan os mesmos problemas desde metodoloxías e miradas diferentes. A arqueoloxía, os estudos culturais, a historia da ciencia, os estudos postcoloniales, ou a demografía forman parte, entre outras, deste gran campo de traballo que ten á agricultura e a sociedade rural como obxecto de estudo.
Abrir e globalizar os estudos de historia rural, no dobre sentido histórico e historiográfico, constitúe a orientación dominante deste congreso internacional, que alberga simultaneamente o VII Encontro RuralReport e o XVI Congreso de Historia Agraria do SEHA. O congreso está aberto á participación de especialistas de calquera país do mundo, así como a calquera área disciplinar e época histórica. Os idiomas de traballo son: portugués, español e inglés.
A partir de agora queda aberto o período para a presentación de propostas de sesións. Haberá dous tipos de sesións: plenarias e paralelas. As sesións plenarias (en número aproximado de tres) deberán incidir sobre as temáticas centrais do congreso, antes enunciadas, e deberán tamén privilexiar a diversidade nacional e institucional dos participantes e dos estudos de caso. As sesións paralelas terán en termos xerais un enfoque máis específico e menor número de participantes, podendo ou non incidir directamente sobre as temáticas centrais. En ambos os casos, serán benvidas propostas de sesións de discusión teórica ou metodolóxica e sesións cunha dimensión comparativa ou transnacional. As propostas que non fosen admitidas como sesións plenarias, poderán ser reconvertidas en sesións paralelas a suxestión da Comisión Organizadora.
Serán consideradas as propostas presentadas no formulario dispoñible en https://transruralhistorycompostela.wordpress.com/ até o próximo día 28 de febreiro de 2017. Para consultas por correo electrónico: transruralhistory2018@usc.es. A decisión sobre as propostas aceptadas será divulgada antes do 30 de marzo de 2017.
Organización:
G.I. Histagra, Universidade de Santiago de Compostela (USC), SEHA, RuralRePort,
Comité Organizador
Lourenzo Fernández Prieto (coordinador), USC
Daniel Lanero Táboas, USC
José Vicente Serrão, ISCTE-IUL
María del Carmen Espido Belo, USC
Miguel Cabo Villaverde, USC
website: https://transruralhistorycompostela.wordpress.com/
email: transruralhistory2018@usc.es