Investigadores de HISTAGRA organizaron unha xornada de traballo de campo en As Pontes

Os Investigadores de HISTAGRA Lourenzo Fernández Prieto e Daniel Lanero organizaron o pasado 28 de outubro, no marco dos seus respectivos Cursos do Máster Interuniversitario en Historia Contemporánea da USC, unha xornada de traballo de campo no concello de As Pontes de García Rodríguez.
Pola mañá, e co asesoramento de Antonio Castro Ferreiro, Concelleiro Delegado Especial de Servizos, Medio Rural e Seguridade Cidadá, realizaron un roteiro pola parroquia de San Xoán do Freixo, coa fin de observar e analizar as transformacións operadas na paisaxe agraria durante as últimas décadas.
Á tarde, @s estudantes dos Cursos: “Innovación tecnolóxica e sustentabilidade na Europa Rural do século XX” e “Cultura, Política e Sociedade no Fascismo” levaron a cabo unha visita ao Poboado de As Veigas da antiga Empresa Nacional Calvo Sotelo (ENCASO, actual ENDESA) na que contaron coa guía de dous expertos coñecedores do Poboado, o historiador Manuel Souto e a xeógrafa Marisol Souto.