Un proxecto de Fran Quiroga é o gañador da Convocatoria de proxectos ANEXO 2017 do MARCO de Vigo

Fran Quiroga, colaborador de HISTAGRA ven de gañar co seu proxecto #salón do MARCO a Convocatoria de proxectos ANEXO 2017 do Museo de Arte Contemporáneo de Vigo. O #Salón do MARCO. Un lugar para facer, é unha proposta que pretende transformar o Anexo do Museo "nese lugar de socialización, nese espazo de encontro e de interacción e debate que transite entre os dentros e aforas do propio centro de creación, co obxectivo de participar nesas praxes que facilitan procesos de axenciamento colectivo".

Os membros do comité analizaron e debatiron cada un dos 24 proxectos presentados á convocatoria, que incluían varios ciclos de exposicións e actividades, algúns cun alto compoñente educativo, e tamén propostas experimentais de carácter colaborativo. O debate centrouse nas catro propostas que resultaron finalistas.

Do proxecto seleccionado valorouse, entre outras cuestións, "a boa articulación dos contidos e da xestión, tamén económica, do proxecto"; "a implicación de públicos que non proceden necesariamente do campo da arte"; "o carácter colaborativo da proposta, en cuxa redacción participaron os colectivos implicados, que ademais amplían o marco de participación fóra do ámbito da arte contemporánea"; e "a apertura do espazo á cidadanía, para que se apropie del participando e producindo contidos". Os integrantes do comité que valorou as propostas destacaron que se traballe para "converter o espazo Anexo nun lugar no que sexa o visitante ou o asistente quen forme parte crucial do desenvolvemento da actividade".

Máis información en: http://www.marcovigo.com/content/resultado-convocatoria-proxectos-anexo-2017