Conferencia de apertura do XV Congreso de Historia Agraria da SEHA a cargo de Ramón Villares

Entre o 27 e 30 de xaneiro a SEHA, xunto ao ISCTE-IUL e o Rural RePort organizan o XV Congreso de Historia Agraria e o VI Encontro Rural Report en Lisboa (Portugal). Trátase do primeiro congreso transcontinental de historia agraria, ibérico e americano. As linguas oficiais do mesmo son o inglés, o portugués e o castelán.
Onte día 27 de xaneiro o catedrático de Historia e membro do Grupo HISTAGRA Ramón Villares Paz ofreceu a conferencia de apertura: Transferencias americanas a las agriculturas atlánticas europeas
Nos últimos anos, a Historia Rural abandonou, tanto o seu foco analítico predominantemente nacional e local, como unha perspectiva interpretativa demasiado centrada en Europa e en Occidente. Trátase dunha evolución moi positiva que se reforza neste congreso ao escoller como temática central a relación entre os vellos e os novos mundos. Esa relación entre civilizacións e culturas de diferentes partes do globo ten producido ao longo dos últimos 500 anos múltiples efectos na agricultura, a propiedade, os recursos naturais e nas sociedades rurais. Ten sido responsable da circulación de persoas, plantas, animais e enfermidades; da transferencia de técnicas, saberes, institucións e normas xurídicas; do cambio de hábitos alimenticios; de novos usos do chan e da transformación da paisaxe; de procesos de apropiación extensiva de dereitos de posesión, de uso e de propiedade; de alteracións nos mercados de produtos y de factores (terra, traballo, capital) a unha escala global.