O Grupo HISTAGRA, a través do Proxecto de Investigación 'Nomes e Voces', ven de publicar as memorias de Luís Pérez "Nacidas"

O  Grupo HISTAGRA a través do Proxecto de Investigación 'Nomes e Voces', ven de publicar as memorias de Luís Pérez "Nacidas". O manuscrito fora recuperado polos investigadores do proxecto en 2006e tras diversos atrancos por fin ve a luz na editorial Corsarias.
Esta é a memoria dun home corrente, dun mariñeiro. Verán os lectores que pouco de corrente teñen este home e a súa historia; que pouco de común teñen os homes e mulleres que coma el viviron os tempos da República e despois os da persecución que seguiu ao golpe de estado de 1936. Ao cabo, podemos descubrir aos nosos propios heroes e tamén as súas incribles historias de supervivencia. Heroes sen querelo por teren a capacidade de sufrir a feroz persecucións do fascismo e conservaren o recordo durante corenta anos e tamén as conviccións e os valores. Heroes da supervivencia persoal despois de que o seu mundo de homes e mulleres libres, no que o pluralismo, o laicismo, a cultura e a política eran bens públicos fora arrasado e sobre el se construirá outro no que o privilexio, o clericalismo e a represión foron a norma.

Luís Pérez Álvarez “Nacidas”, naceu en Moaña en 1916.  Socio do sindicato afín á CNT Solidaridad Marinera desta vila pontevedresa. Foi detido en 1936, condenado a 15 anos de prisión acusado de auxilio á rebelión. Preso na illa do Lazareto, Burgos, Ponferrada realizou traballos forzados na construción da liña Ponferrada-Burgos. Trala posta en liberdade, traballou como patrón de pesca na súa vila natal, onde faleceu nos anos oitenta. Xa xubilado escribiu estas memorias que agora ven a luz, coa intención de legarlle a súa memoria ao seu neto

O grupo HISTAGRA participa na edición da publicación  e, así mesmo, o investigador do grupo Antonio Miguez Macho, xunto a o membro de Nomes e Voces Andrés Domínguez Almansa, realizan o estudo introductorio das memorias. O coordinador de 'Nomes e Voces' Dionisio Pereira foi o encargado da elaboración das notas a rodapé.