Ricardo Gurriarán galardoado co Premio Lois Peña Novo 2015

O investigador de HISTAGRA Ricardo Gurriarán Rodríguez ven de ser galardoado co Premio Lois Peña Novo 2015, na súa XXI Edición. Xunto a el, tamén foron recoñecidos o catedrático da USC Ángel Carracedo e a Xefa Territorial da Avogacía do Estado, Consuelo Castro.

Ricardo Gurriarán Rodríguez (O Barco de Valdeorras, 1953) é Doutor en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela (2004), coa tese A investigación científica en Galicia (1900-1940): institucións, redes formativas e carreiras académicas: A ruptura de Guerra Civil, dirixida polo Profesor Lourenzo Fernández Prieto.

As súas liñas de investigación son: a cultura deportiva, guerra civil española.

Entre as súas publicacións destacan: (2009): Obella Vidal: investigador, empresario e galeguista, Vigo, Foro Peinador; (2010): Inmunda escoria, Vigo, Xerias de Galicia, Fundación 10 de marzo; (coord.)(2010): 1968 en Compostela. 16 testemuños, Santiago de Compostela, Fundación 10 de marzo.

A Fundación Lois Peña Novo xurde coa finalidade de contribuír á extensión do uso da lingua galega en todos os ámbitos da nosa Comunidade. 

Os premios PEÑA NOVO créanse para recoñecer o labor, tanto individual coma colectivo, daquelas persoas, entidades ou empresas que traballan ou teñen relación coas administracións públicas e que fan, co seu traballo cotiá, publicacións, estudios, traballos de investigación, etc... que a lingua galega se consolide, cada vez máis, no eido das administracións públicas, na vida institucional de Galicia e na sociedade en xeral.