Conferencia ciclo 100 anos da guerra que cambiou a sociedade

O vindeiro venres 12 de decembro ás 20.00h, na sede da Fundación Barrié  en A Coruña, o Profesor Titular de Historia Contemporánea Eduardo González Calleja (Universidad Carlos III de Madrid) impartirá a conferencia Niños de espías: a guerra encuberta das potencias belixerantes en España

Aínda que España permanecese neutral na Primeira Guerra Mundial, non estivo totalmente á marxe. O país foi campo de batalla para os servizos de espionaxe dos dous bandos contendentes. Foron os propios belixerantes os que elixiron o territorio da península para librar unha guerra de espionaxe, sabotaxe e propaganda, unha guerra invisible, sen frontes, destinada a favorecer os seus intereses e a coidar a súa imaxe na opinión pública para preparar as condicións económicas da paz. Desencadearon sobre o territorio español unha loita desapiadada con medios legais e ilegais: bloqueo portuario e marítimo, guerra submarina, fornecemento dos belixerantes, violación de augas xurisdicionais, pero tamén difusión de rumores e mentiras, impresión de libelos no idioma do inimigo. En 1917, podíase afirmar que Madrid, Barcelona e os portos chegaran a ser «niños de espías» manipulados por servizos estranxeiros non sempre ben coordinados

Eduardo González Calleja (Madrid, 1962) é doutor en Historia Contemporánea e profesor na Universidad Carlos III de Madrid. As súas investigacións versaron sobre a teoría e a historia da violencia política, a evolución dos grupos de extrema dereita e fascistas na Europa de entreguerras, as imaxes do Mediterráneo na cultura española, a acción política e cultural do franquismo e da monarquía democrática cara a América Latina, a emigración política española, a historia do deporte, a teoría e a historia do terrorismo, a historia dos instrumentos estatais de orde pública e a relación entre memoria e Historia. A súa última publicación é Nidos de espías. España, Francia y la Primera Guerra Mundial (1914-1919) (Madrid, 2014).

Documentos