Xuntanzas de Lourenzo Fernández Prieto e outros membros de nomesevoces.net con Pablo de Greiff

A secretaria do Relator, Victoria Kuhn púxose en contacto con Lourenzo Fernández Prieto para solicitar a colaboración de nomesevoces.net para prepara a visita a Galicia para a xuntanza coas asociacións de memoria histórica e vítimas do franquismo o día 29 de xaneiro, así como una visita á Illa de San Simón o día 30, neste último caso, tivemos que facer de intermediarios coa Xunta e a Consellaría para que lles organizasen a visita (traslados, guías,…).
Tras manter varias conversas e intercambio de correos, decidiron coa Iniciativa Galega pola Memoria ter en primeiro lugar una xuntanza bilateral coas asociacións de Coruña, Vigo, Cangas, Val Miñor, Ferrol, Marín, A Estrada e Ribeira, á que se lle une Manolo Rivas e Claudio Rodríguez Fer.
Nunha segunda xuntanza estarán vítimas, as anteriores asociacións e outras como a de Silleda e representantes políticos como Ana Pontón, Xesús Redondo Abuín, Manolo Dios e outras asociacións.
O martes día 28, ás 21 h. por fin tiveron confirmación da viaxe a San Simón, e tamén por indicación da CRMH d’A Coruña que iría con eles Matías da Torre (Silleda), que lles faría unha guía pola illa, así como representantes de asociacións adscritas á Iniciativa.
O día 30 de xaneiro, Pablo de Greiff e Victoria Kuhn son recibidos na Facultade de Historia por Lourenzo Fernández, Xurxo Pantaleón, Antonio Miguez e Gustavo Hervella. Mantense unha xuntanza de máis de catro horas con eles, onde se lles expuxeron as liñas de investigación do equipo, o traballo realizado coas entrevistas e as fontes escritas consultadas polos investigadores e se intercambiaron puntos de vista sobre as tarefas que se desenvolveron en nomesevoces.net como o que incorporaría o Relatar ao seu informe, como ser un exemplo de boas practicas, o que constitúe un feito moi destacado. Tivemos un interesantísimo intercambio de opinións e amosáronse gratamente sorprendidos pola experiencia de nomesevoces.net, os resultados, o enfoque e o rigor no tratamento dos datos (ver páxina 9 do informe preliminar). Entre as
moitas preguntas suxeridas, destacou a diferenza entre as cifras de vítimas antes e despois da nosa investigación.
O día 31 de xaneiro, mantívose una xuntanza máis oficial en Madrid, xunto a outros representantes de proxectos de investigación e oficinas políticas das que depende a memoria histórica nalgunhas comunidades autónomas de España. Nesta xuntanza estiveron representantes da Generalitat e o Memorial Democratic, o goberno de Navarra, a Junta de Andalucía, o goberno vasco, o ministerio de Xustiza, o proxecto de investigación da Universidade de Estremadura e nomesevoces.net.
Os representantes da Generalitat fixeron referencia a todo o que fixeran os gobernos autonómicos anteriores; o goberno de Navarra, a lei de memoria histórica foral aprobada polo Parlamento recentemente; a Junta de Andalucía, referiuse á creación dunha dirección xeral e á lei de memoria histórica que está a elaborar, o ministerio de xustiza ás políticas de reparación e ás restricións orzamentarias que teñen, pero que aínda manteñen ao persoal adscrito á oficina de vítimas; os representantes do País Vasco están a traballar nunha lei en un espazo referente para todas as vítimas; Julián Chaves, profesor da Universidade de Estremadura referiuse ás labores de investigación que levan a cabo desde 2003 e queixouse da falta de apoio económico para as exhumacións por parte do goberno de España. Lourenzo Fernández presentou o proxecto en power point nomesevoces.net, as conclusións científicas, a fructífera relación coas asociacións e particulares e a labor social da páxina web, así como a posta en común con outros proxectos do Estado e de fóra da base de datos de nomes e o seu aproveitamento.
A conclusión é que podemos sentirnos satisfeitos do traballo, mesmo orgullosos, e que case todo o que pretenden facer en Andalucía e País Vasco supón retomar o que xa se fixo en Galicia á altura de 2009: unificación de ficheiros de vítimas, políticas activas de memoria e xerarquización de necesidades, exhumacións protocolarizadas, etc.