O investigador Diego Conde ven de gañar a IX edición do premio de ensaio Manuel Murguía da Deputación cunha obra sobre o sector gandeiro

O investigador Diego Conde (HISTAGRA-USC) é o gañador do IX Premio de Ensaio “Manuel Murguía” coa obra “Canto vale unha vaca? Da cuestión agraria á cuestión pecuaria en Galicia”. O traballo de Conde alzouse co premio do xurado despois de estudar os 24 exemplares presentados este ano, o que supón unha nova marca de participación multiplicando por dous a anterior marca.

O xurado, cuxo comisario é Elisardo López Varela, reuniu a Rosario Sarmiento, Gonzalo de la Huerga Fidalgo e Xosé Ramón Freixeiro Mato. O tribunal sinalou na súa acta que o traballo premiado “ofrece unha información completa sobre o papel que cumpre a vaca na historia social e económica galega. Por tanto, a temática que trata é de grande interese para o conxunto da comunidade”.

O premio de Ensaio Manuel Murguía está dotado con 6.500 euros e a publicación da obra. “A obra destaca pola súa boa estruturación e polo rigor metodolóxico, cunha ampla documentación bibliográfica”, explicou o xurado, para engadir que “destaca a boa presentación, enriquecida coa incorporación dun amplo abano de gráficas e imaxes ilustrativas”. Outro dos puntos destacados polo xurado foi “o estilo áxil e fresco co que está escrita a obra, de grata e amena lectura para un público amplo, sen perder o rigor investigador”.

[Fonte información: Novas Deputación da Coruña]