Presentación do libro editado por Emilia García López (HISTAGRA): “Diarios de viaje. Los itinerarios inéditos de América, 1952-1955”, de Valentín Paz-Andrade

O libro “Diarios de viaje. Los itinerarios inéditos de América, 1952-1955”, de Valentín Paz-Andrade, foi presentado no Consello da Cultura Galega nun acto presidido polo titular da institución, o Profesor e membro do grupo HISTAGRA, Ramón Villares Paz.

A responsable da edición é a Investigadora Emilia García López (HISTAGRA), responsable da dixitalización para o CCG do rico fondo documental de Valentín Paz-Andrade e integrante da Comisión de Acción Exterior da institución.

Acompañaron á responsable da edición o editor Henrique Alvarellos, a profesora da Universidade da Coruña, Olivia Rodríguez, e Sabela Paz-Andrade Taylor, neta do autor. Asisitiron ao acto setenta persoas, entre as que se encontraban os secretarios xerais de Cultura, Anxo Lorenzo, e de Política Lingüística, Valentín García Gómez, e membros da Comisión Executiva do CCG.

Publicado por Alvarellos Editora na súa colección “Rescate”, o libro, cun prólogo de Ramón Villares, reúne notas e descricións das viaxes de Valentin Paz-Andrade (1898-1987) por América como delegado da FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura) na súa condición de recoñecido especialista na economía pesqueira. O periplo inclúe Nova Iorque, México, Colombia, Brasil e Chile. Trátase dun fermoso libro de viaxes saído da pluma brillante e da agudeza observadora de quen soubo agrupar armoniosamente as facetas de xornalista, economista, poeta, empresario e político galeguista e a quen en 2012 se lle dedicou o “Día das Letras Galegas”.