Presentación do libro "Largo Caballero. El tesón y la quimera". Homenaxe ao seu autor Julio Aróstegui (1939-2013)

Hoxe venres 22 de febreiro ás 20.00h., no Museo Casares Quirora na Coruña, presentarase o libro Largo Caballero. El tesón y la quimera". Homenaxe ao seu autor Julio Aróstegui (1939-2013).

O acto, organizado polo Ateneo Republicano coa colaboración da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, o Proxecto Interuniversitario "Nomes e Voces" e o grupo HISTAGRA, será presentado por Jesús Mosquera, Presidente da Fundación Luis Tilve, e contará coa participación do Profesor da USC Lourenzo Fernández Prieto e Jorge Marco, colaborador do Profesor Aróstegui na Cátedra Memoria Histórica do século XX na UCM.

"Julio Aróstegui (Granada 1939 - Madrid 2013) foi catedrático emérito de Historia Contemporánea na Universidad Complutense de Madrid e director da Cátedra "Memoria Histórica del Siglo XX". Entre os seus traballos destacaron as aportacións relacionadas coa violencia política na Historia contemporánea española, a guerra civil, o carlismo, o movemento obreiro, os conflitos traumáticos e a memoria colectiva.

Auténtico herdeiro de Pablo Iglesias, Francisco Largo Caballero foi o dirixente obreiro máis relevante e influinte da España do Século pasado. Arquetipo de dirixente de masas, sindicalista, político, ministro  e presidente do Goberno, o momento culminante da súa traxectoria chegou nos anos trinta, xa a unha avanzada idade. A personalidade e a actuación de Largo Caballero foron sempre complexas, poliédricas e incluso contraditorias. Tocoulle vivir tempos convulsos en primeira liña da política: a ditadura de Primo de Rivera, a República e a Guerra Civil. O seu liderazgo e as súas decisións teñen sido moi criticados, e a súa figura, terxiversada con frecuencia, ten concitado a miúdo opinións adversas, con poucas aínda que notables excepcións." [CRMH]