Atopadas vítimas do franquismo no cemiterio de Serantes
Atopadas vítimas do franquismo no cemiterio de Serantes
A excavación para recuperar os corpos dos represaliados revela enterramentos verticais e signos de violencia «extrema».
A excavación emprendida no cemiterio de Serantes para tratar de localizar os corpos de represaliados do franquismo guindou os seus primeiros froitos. As catas realizadas nunha estreita fosa do camposanto ferrolán atoparon restos pertencentes a sete individuos, con «signos de violencia evidentes» e «en posición mesmo vertical». Así o desvelaron este mércores os responsables da investigación impulsada pola Deputación da Coruña en colaboración co grupo de investigación Histagra da Universidade de Santiago, que estiman nuns 200 os asasinados polo franquismo entre 1936 e 1942 que poderían estar, ou estar, enterrados en Serantes.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, fixo fincapé no apoio institucional a este equipo de profesionais que traballa "en defensa da memoria democrática", lembrando a atención coa que a sociedade segue os avances en Serantes. Pola súa parte, a Directora Xeral de Atención ás Vítimas do Ministerio, Zoraida Hijosa, ratificou a continuidade da colaboración económica coa Deputación —dotada con 150.000 euros para as actuacións en Serantes, Boisaca e Carral— para seguir desenvolvendo estas catas, exhumar os corpos, identificalos e entregarlle os restos ás súas familias.
A deputada provincial de Dereitos Civís, Sol Agra, incidiu na singularidade e dureza deste espazo, sinalando que na foxa de Serantes os corpos non están dispostos de forma normal para un enterramento, senón, como din os expertos, que se aprecian signos de violencia nun lugar onde se executaba a numerosos represaliados ao mesmo tempo. "Case foi un xenocidio ideolóxico", sinalou a deputada. Agra destacou que a intervención busca "sacar á luz como foi esa represión e devolver os restos ás súas familias como un deber democrático fronte á desmemoria".
Máis información:
https://www.dacoruna.gal/novas/ficha-noticia-reducida?id_evento=28233&