Presentación resultados: Traballos de exhumacións fosa do Val (Narón)
Presentación resultados: Traballos de exhumacións fosa do Val (Narón)
Nos anos 2023 e 2024 realizáronse intervencións no cemiterio parroquial de Santa María do Val de Narón para localizar e avaliar o estado de conservación dunha das fosas máis grandes de Galicia con preto de 51 asasinatos realizados tralo golpe de Estado de 1936. Os traballos foron levados a cabo grazas á implementación do Plan de Memoria Democrática, patrocinado pola Secretaria de Estado de Memoria Democrática e a Xunta de Galicia a través dun convenio de investigación coa USC. Os traballos de exhumación, coordinados polo grupo HISTAGRA da USC, confirmaron a existencia da fosa onde repousan membros da armada: mariñeiros, oficiais e suboficiais da Mariña executados tras consellos de guerra.
Agora, toca amosar aos familiares e á cidadanía os resultados dos traballos. Por este motivo, o martes día 16 de xuño ás 4 da tarde o equipo do Plan de Memoria Democrática de Galicia estará no local da Asociación de Veciños Os Irmandiños do Val -á que agradecemos enormemente a súa colaboración- presentando os informes e atendendo ás cuestión que presenten os e as interesados e interesadas.
O acto, que ten un carácter público, contará coa presenza do Coordinador do equipo, o Catedrático de Historia Contemporánea Lourenzo Fernández Prieto, e os e as especialistas que participaron no proceso: a doutora en Historia Contemporánea Conchi López, o coordinador dos traballos de arqueoloxía, Doutor José Carlos Sánchez Pardo, a arqueóloga directora da exhumación Oria Ferreiro (Tempos Arqueologos), e a doutora e responsable dos estudos de xenética Ana Mosquera. Xunto a eles, ainda que non poden estar presentes no acto participaron nos traballos o doutor en Historia Contemporánea Antonio Miguez e o antropólogo-forense Fernando Serrulla do IMELGA.
A intervención abarcou diferentes catas na zona frontal dos nichos localizados ao fondo da parte antiga do cemiterio e unha das esquinas laterais. Constamos indicios que apoian a hipótese de localización da fosa nese lugar ainda que a fosa na súa maior parte esta desaparecida ao atopárense nichos construídos enriba. A Fase II de intervencións (realizada a finais de 2024) permitiu constatar a alta relevancia histórica deste espazo
O contacto cos axentes sociais -no caso que nos ocupa o apoio da Asociación de Memoria Democrática de Ferrol-, os poderes públicos –Secretaría de estado de Memoria Democrática, Concello de Naron e Fiscalía de Meoria Democrática da Coruña- e dos familiares foi imprescindible para levar a cabo o traballo proposto.
Máis información:
https://www.nomesevoces.net/gl/lugares/fosas/48/fosa-de-santa-maria-do-val
Datos:
Día: 16 de xuño de 2026
Hora: 16 h.
Lugar: Local da Asociación de Veciños Irmandiños do Val (Naron)
Organiza: Plan de Memoria Demcrática de Galicia.
Coordina: Grupo HISTAGRA