Publicación do Premio Miguel Artola da Asociación Historia Contemporánea 2025

Publicación do Premio Miguel Artola da Asociación Historia Contemporánea 2025. Isidro Román lago

 

En xuño de 2025 o xurado dos premios Miguel Artola á mellor tese doutoral de historia, formado por Carme Molinero, Mónica Moreno, María Cruz Romeo, Rafael Quirosa-Cheyrouze e Juan Pan-Montojo outorgaron o primeiro premio á tese do investigador e colaborador de HISTAGRA Isidro Román Lago. Esta investigación, estaba enmarcada dentro dos obxectivos do Proxecto de investigación Violencia, delincuencia y conflictividad en tiempos de paz y de guerra en el mundo rural, 1850-1980 - VIDECON - PID2023-152532NB-I00. GENERACIÓN DE CONOCIMIENTO 2023 - Proyectos de investigación no orientada.

 

O fallo adoptado sustentouse sobre as seguintes consideracións: Trátase dunha tese sobre os procesos de transformación impulsados polo golpe de 1936 e a represión posterior en Vigo. Está fundada nun número amplo de fontes, con preguntas pertinentes e respostas encadeadas nun relato fluído, aberto e que integra ben ferramentas cualitativas e cuantitativas. Constitúe un traballo de historia local que desborda nas súas análises e as súas propostas interpretativas o espazo escollido e un estudo da cesura que trouxo consigo a Guerra Civil, que parte dos meses anteriores á contenda e proxéctase nunha cronoloxía moito máis ampla.


Agora este traballo acaba de ser publicado polo Centro de Estudios Políticos y Constitucionales. Mº de la Presidencia, na colección Política y Sociedad en la Historia de España.

 

Sobre a publicación:

 

O golpe de estado de xullo de 1936 cortou de raíz a experiencia modernizadora que supuxo a II República. Que supuxo isto en certos aspectos sociais básicos? Nesta investigación interésanos especialmente como estaba articulada a sociedade desde unha perspectiva un tanto atípica: o tempo libre, a cultura e o deporte de base e os seus organizadores, tres elementos básicos da vida cotiá dunha sociedade contemporánea. Ademais, estas actividades intégranse dentro de redes de sociabilidade máis amplas que emerxen nos conflitos laborais máis importantes que vive a cidade.Unha vez analizados estes extremos poderemos saber que sobrevive e que desaparece co golpe de estado nos primeiros pasos da nova sociedade franquista. Pero tamén nos centramos en quen integran as elites que pasan a ocupar o poder, cal é a súa xestión e como se promoven as iniciativas de encadramento social. Este último aspecto que é central na investigación e faise a través da construción dunha base de datos de 32.000 persoas e as súas actitudes públicas.se estuda de forma evolutiva a FE-JONS desde 1935 a 1939, centrándonos especialmente no período que transcorre desde o golpe ata o Decreto de Unificación. Ofrecemos datos de afiliación mes a mes, en que sectores sociais céntrase o crecemento, as repercusións a nivel interno deste crecemento… Incluímos as conclusións deste apartado no debate historiográfico sobre a natureza fascista ou non do réxime franquista.