HISTAGRA inaugura as novas actividades do curso 2012/13 co Profesor Paul Brassley

As actividades de HISTAGRA para o curso 2012/13 inauguraranse hoxe xoves día 4 de outubro, ás 12.00 horas na Aula de Máster do Departamento de Historia Contemporánea e de América coa presentación aos membros do Grupo dos dous investigadores convidados durante o último trimestre de 2012: Paul Brassley e David Soto.

Contará coa celebración do primeiro dos seminarios impartidos  polo Profesor Paul Brassley, no que, a partir do texto que se anexa British farming between the wars, ofrecerá unha visión panorámica sobre a situación da agricultura e do mundo rural na Gran Bretaña do período de Entreguerras.

A cualidade, orixinalidade e o impacto internacional das investigacións desenvolvidas por ambos profesores e polos seus  respectivos Grupos de Investigación aseguran o interese que o debate e a discusión colectiva con eles terá para o conxunto do Grupo.

Paul Brassley  

Paul Brassley acadou o seu Bachelor of Science (BSc) en agricultura e economía agraria na Universidade de Newcastle upon Tyne. A continuación trasladouse á Escola de Historia Moderna da Universidade de Oxford, onde, baixo a supervisión da Dra. Joan Thirsk, escribiu unha tesiña sobre a economía agraria do Noroeste de Inglaterra no período 1640 – 1750 coa que obtivo o título de Bachelor Literate (1974). Este traballo foi posteriormente publicado (1985) na colección de Historia Económica Británica Moderna por Garland Press, conformando tamén a base do que sería o Volume V da Historia Agraria de Inglaterra e Gales. No ano 1974 foi nomeado lectureship en Economía Agraria no Seale – Hayne College de Devon, que máis adiante pasou a formar parte da Universidade de Plymouth. Entre 2004 e 2009 foi lecturer en Historia e Política Rurais na Escola de Xeografía da mesma Universidade. O seu mestrado tense centrado na Economía Agraria e as Políticas Rurais, o que quedou reflectido na publicación do seu manual A Economía Agraria e a PAC: unha introducción (Blackwell, 1997).

Documentos