O investigador de HISTAGRA Aarón Navia logra unha bolsa Fulbright
O investigador de HISTAGRA-CISPAC Aarón Navia logra unha bolsa Fulbright
A bolsa Fulbright de Aarón Navia servirá para abordar como as Artes Vivas reflicten a Galicia contemporánea. Realizará parte da súa tese de doutoramento no Dartmouth College de New Hampshire.
Actor e director teatral cunha licenciatura en Artes Escénicas, Aarón Navia viviu durante anos en Latinoamérica para finalmente regresar a Galicia cunha bolsa BEME e cursar o mestrado en Servizos Culturais da USC. A directora da súa tese é a investigadora de HISTAGRA-CISPAC, Ana Cabana Iglesia.
O corpo pode ser un construtor de signos lexibles pola sociedade. Baixo esta premisa, a tese de doutoramento que Aarón Navia Fernández desenvolve na USC, baixo a dirección da profesora Ana Cabana, profunda en como dende as Artes Vivas —teatro, performance, arte de acción, pero tamén cinema— se produce unha tensión entre unha certa descrición/arquivo do mundo e unha prescrición de como debe ser ese mundo. En particular, “a miña tese achégase a ese proceso-tensión no contexto da contemporaneidade galega”, explica o estudante que desenvolverá parte do seu periplo investigador no Dartmouth College de New Hampshire, grazas á recente concesión dunha bolsa Fulbright predoutoral. Esta institución forma parte das oito universidades da Ivy League xunto con Harvard, Yale, Columbia, Pensilvania (UPenn), Brown, Princeton e Cornell.
Máis información en:
https://www.usc.gal/gl/xornal/novas/estudante-aaron-navia-logra-bolsa-fulbright-abordar-artes-vivas-reflicten-galicia-contemporanea