Nova investigadora Juan de la Cierva en HISTAGRA

Laura Cabezas Vega, incorporarase como investigadora en HISTAGRA

 

A investigadora Laura Cabezas Vega gañadora dun contrato JUan de la Cierva, incorporarase en 2026 ao Grupo HISTAGRA. A súa produción científica, centrada no mundo rural e a muller, con varias publicacións e participacións en congresos, virá a completar o plantel de PDI do grupo. Neste caso, reforzará a liña de historia agraria e xénero, ao tempo que contribuirá co seu traballo na investigación sobre os pobos de colonización, convenio liderado por Ana Cabana Iglesia e que se asinou entre a Universidade de Santiago, o concello de Castro de Rei -co apoio da Deputación de Lugo-.

 

Sobre a temática dos pobos de colonización franquista, os traballos de Laura Cabezas analizan a construción do espazo nos poboados de colonización do franquismo desde unha perspectiva de xénero. O obxectivo é desvelar como os novos núcleos urbanos, a través da súa configuración arquitectónica, actuaron como instauradores dunha orde non só espacial, senón tamén social, que determinaba a asignación de usos diferenciados a homes e mulleres sustentada na idea da superioridade masculina. A comparación dos discursos xerados desde o réxime ao redor da diferenza sexual coa realidade dun caso de estudo permite desvelar as contradicións nas que caeu o propio sistema.