Volven os ciclos de conferencias de HISTAGRA 2025-2026

Conferencia de Dionisio Pereira: presentación de libro: La represión franquista en Alhucemas y el Rif Central durante la Guerra Civil Española
Comezamos o curso 2025-2026 cunha nova conferencia do ciclo Pasados Incómodos de HISTAGRA. Nesta ocasión, o investigador Dionisio Pereira, preséntanos a súa última publicación, La represión franquista en Alhucemas y el Rif Central durante la Guerra Civil Española, en formato bilingüe árabe-castelán, editado en Tánger polo colectivo rifeño Tifraz n´Rif.
Medio centenar de persoas vinculadas ao Rif Central foron fusiladas entre 1936 e 1939, quer na propia Alhucemas/Villa Sanjurjo e na súa contorna, quer nos fortes de Rostrogordo en Melilla ou El Hacho en Ceuta. A maiores, a publicación manexa unha base de datos con máis de 150 residentes españois, represaliados/as en diversas formas, algúns deles con resultado de morte. Por último, e máis ignorado aínda, tamén documéntase como un número indeterminado de rifeños pertencentes a distintas kábilas do Rif Central, foron obxecto dunha violencia desmedida (que inclúe mortes e torturas) por rexeitar o recrutamento de soldados para loitar con Franco na Guerra Civil no corpo de Regulares. Un feito moi pouco coñecido, demostrativo de que a brutalidade exercida na última Guerra de África (1921-1927) continuou a ser empregada en décadas posteriores, contra quen confrontou o dominio dos militares franquistas españois que gobernaron o Protectorado. Ao cabo, o libro pretende espallar pola antiga poboación española destes territorios e pola actual veciñanza de Al Hoceima, o imperativo de que a consoladora memoria dos tempos idos non se pode construír sobre o esquecemento das vítimas e a sepultura dos dereitos civís.
Datos:
Data: 17/09/2025
Título:La represión franquista en Alhucemas y el Rif Central durante la Guerra Civil Española
Relator: Dionisio Pereira
Hora: 19 h
Lugar: Aula 13. Facultade de Historia
Máis Información:
histagra@usc.es. Tel. 881971010 (ext. 100)