HISTAGRA forma parte do grupo de traballo de Gobernanza da rede de investigación internacional do nitróxeno (iN-Net)

HISTAGRA forma parte do grupo de traballo de Gobernanza da rede de investigación internacional do nitróxeno (iN-Net)

 

O investigador de HISTAGRA-CISPAC, e profesor de Historia Económica, Bruno Esperante, ven de ser aceptado para formar parte do grupo de traballo de Gobernanza da rede de investigación internacional do nitróxeno (iN-Net). Esta é unha rede de investigación impulsada pola Internacional Nitrogen Initative (INI) con sede na New York University (NYU). A rede reúne a expertos de múltiples campos e áreas de coñecemento que levan anos, nalgúns casos décadas, estudando diversos aspectos relacionados co problema do nitróxeno. O obxectivo de iN-Net é servir de foro internacional que defina unha axenda de políticas ambientais relevantes que apoien o obxectivo da ONU de reducir as perdas de nitróxeno a nivel mundial para o 2030.

 

O nitróxeno (N) é un nutriente esencial e crucial no sistema mundial de produción de alimentos. Non obstante, a súa sobreprodución tense convertido nun problema ambiental grave dende o último terzo do século XX, especialmente mediante o exceso de xurros gandeiros e aplicación de fertilizantes sintéticos na agricultura. Outras fontes de emisións á atmosfera obtéñense mediante emisións procedentes do consumo de combustibles fósiles. Todo isto provoca importantes problemas ambientais e de saúde humana e animal. A redución da produción de N, o control ou a súa limitación é un obxectivo necesario para recuperar e protexer niveis de vida saudables para todo o planeta.

 

A rede iN-Net divídese en 3 grupos de traballo (datos, gobernanza e clima) acordes con tres barreiras identificadas e relacionadas co obxectivo da ONU de reducir á metade os residuos de N para 2030. 

  • Datos inconsistentes e incompletos para establecer una línea de base para medir o progreso.
  • Falta de opcións de gobernanza eficaces para aplicar os Plans de Acción Nacionais.
  • Comprensión fragmentada dos vínculos entre o nitróxeno e a acción climática.

 

Os grupos de traballo están formados por partes interesadas, produtores, investigadores e lexisladores co obxectivo de incluír múltiples disciplinas, cubrindo rexións diversas do mundo para participar en sesións telemáticas e presenciais de discusión. 

 

Máis información: https://www.in-net.network/