Doazón do fondo documental de Pitusa Arias sobre o movemento estudantil, o feminismo e o nacionalismo

Doazón do fondo documental de Pitusa Arias sobre o movemento estudantil, o feminismo e o nacionalismo
O xoves 10 de abril de 2025 farase entrega da documentación de Pitusa Arias Rei ao Arquivo Histórico Universitario da USC para conmemorar o terceiro cabodano Pitusa Arias decidira ceder a súa colección persoal ao fondo DOAME para favorecer o estudo do movemento estudantil, do feminismo e do nacionalismo galego do século XX.
Este fondo documental reúne materiais do movemento estudantil, de diversas organizacións do ámbito do nacionalismo dos 1970 e 1980 e de entidades culturais e artísticas. A través deles pódese estudar o desenvolvemento de organizacións estudantís como ERGA e políticas, especialmente da UPG, a ANPG e o BNG. Ademais, a documentación reflicte o traballo de Pitusa na loita polos dereitos da muller e pola participación feminina dentro destas organizacións.
Esta documentación integrarase agora no fondo DOAME do Arquivo Histórico da Universidade de Santiago de Compostela. DOAME (Documentación da Oposición Antifranquista e Movemento Estudantil da Universidade de Santiago) é unha iniciativa do Grupo HISTAGRA e do AHUS para recoller, catalogar, conservar os materiais xerados polo estudantado galego e poñelos á disposición da investigación.
O fondo está aberto e anima a realizar máis doazóns de documentación xerada polo movemento estudantil, para o que só é preciso poñerse en contacto co grupo HISTAGRA no correo electrónico histagra@usc.gal.