Histagra na inauguración do Fito en Celanova como Lugar de Memoria. Marzo de 2025
HISTAGRA na inauguración do Fito en Celanova como Lugar de Memoria. Marzo de 2025
O próximo día 23 de marzo ás 10:30 darán comezo os catos de recoñecemento ás vítimas franquistas en Celanova, coa presnetación do vídeo da exhumación da fosa de San Breixo realizado en 2022 e a inauguración dos fitos no propio camposanto.
Desde o equipo do Plan de memoria Democrática de Galicia, o concello de Celanova e o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, coordinan os actos de en memoria dos presos da prisión de Celanova, que darán comezo na Sala do Antigo refectorio do Mosteiro de Celanova que fora habilitado como cárcere en 1936 o día 23 de marzo a partires das 10:30 h onde se visionará o documental sobre a exhumación de San Breixo de 2022 realizado por Óscar Górriz e producido polo Plan de Memoria Democrática de Galicia e acto seguido trasladarse ao cemiterio de San Breixo á inauguración de dous fitos que sinalan este espazo como Lugar de Memoria de Galicia. Trátase dun monolito deseñado por Uqui Permui que contén información sobre os traballos desenvoltos durante 2022 así como dos asasinados, e outro impulsado polo Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova co apoio do Plan de Memoria en homenaxe aos mortos no cárcere-mosteiro. Estes monumentos acompañan no que agardamos sexa una ruta de memoria ao xa inaugurado en decembro pasado en Vilagarcía de Arousa.
Ao acto teñen previsto asistir, amais dos familiares dos presos, membros do Goberno do principado de Asturias, a Fiscalía Xeral do estado e a sub-delegación do goberno de Ourense, xunto con autoridades de Galicia.
No ano 2022 o equipo do Plan de Memoria Democrática de Galicia comezou cos traballos de documentación, exhumación e identificación dos asasinados en Celanova e enterrados nunha fosa común no cemiterio parroquial de San Breixo. En 2023, puidemos concluír que os corpos atopados correspondíanse cos sete presos de orixe asturiana que estiveran detidos no Mosteiro de Celanova e asasinados na vila ourensá.
En xuño dese ano, procedemos, xunto co concello de Celanova e o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova á entrega dos restos de Abelardo Suárez del Busto e Marcelino Fernández García aos seus familiares e en febreiro de 2025 entregamos en Xixón os restos de Baldomero Vigil-Escalera.
Datos:
Día: 23-03-2025
Hora: 10:30
Lugar: Mosteiro de Celanova e Cemiterio de San Breixo