Homenaxe ao profesor Justo Beramendi cun libro sobre os nacionalismos e a construción de identidades

O catedrático emérito de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago, Justo Beramendi González, foi o pasado luns 17, obxecto dunha homenaxe na Facultade de Xeografía e Historia coa presentación do libro De la idea a la identidad: estudios sobre nacionalismos y procesos de nacionalización. O acto tivo lugar ás 13:00 horas no Paraninfo da Universidade.

Os profesores da USC Ramón López Facal e Miguel Cabo Villaverde, membro do grupo de investigación HISTAGRA, son os responsables da edición desta obra, na que colaboran membros do Departamento de Historia Contemporánea e de América ao que pertence o profesor Beramendi e outras persoas cunha intensa relación profesional e académica na súa traxectoria.

Ademais do homenaxeado e dos editores, no acto participaron o Reitor da USC, Juan J. Casares Long e os Profesrores Juan Manuel Monterroso e Lourenzo Fernández Prieto. 

De la idea a la identidad estrutúrase en tres seccións, dedicadas á análise dos nacionalismos, aos procesos de nacionalización mediante os cales as identidades nacionais son asumidas pola poboación e ao estudo da interacción dos nacionalismos con outras ideoloxías, recolléndose así tres tipos diferentes de aproximacións aos procesos de construción nacional.