Actualización: HISTAGRA nos traballos de exhumación no cemiterio de O Val (Narón)

A exhumación da fosa do cemiterio de O Val (Narón) realizada polo equipo de memoria Democrática de Galicia saca a luz importantes achádegos
Os traballos de exhumación no cemiterio de O Val (Narón) deron comezo o 4 de novembro coa finalidade de confirmar a localización da fosa, delimitar as súas dimensións e o seu grao de alteración debido á posterior construción de nichos enriba. O informe histórico previo sinala un mínimo de 51 persoas, vítimas da violencia golpista, que foron enterradas en distintas datas dende finais de agosto de 1936 e 1938. Todos eles eran homes e a gran maioría tiñan entre 18 e 30 anos, mariñeiros, oficiais e suboficiais de Mariña e executados tras ser sentenciados por un tribunal militar a pena de morte. De forma concreta, os sucesos de mediados de decembro, con mais de 30 asasinatos, constitúen unha das maiores execucións colectivas das que temos constancia en Galicia.
A piques de rematar os traballos, podemos considerar que cumprimos con obxectivos iniciais. A intervención contemplaba a realización dunha gabia na parte dianteira dos nichos. No sector 3, onde se concentra a gran maioría dos sinais de violencia, atopados ata o momento, aparecen inequivocamente, como mínimo, 4 individuos en posición non funeraria, indicando con claridade que se trata dun enterramento clandestino. No sector 4 hai un individuo que podería ser algún das vítimas que buscamos, pero que non se pode determinar sen poder completar a escavación, debido ás construcións dos nichos. No sector 2 aparecen 7 individuos, en posicións aparentemente funerarias, e todos, salvo un deles, no que parecen observarse sinais de violencia no cranio. Podería tratarse dun enterramento clandestino compartido con enterramentos funerarios convencionais, pero tamén poderían interpretarse como enterramentos convencionais todos eles. Non é posible avanzar mais sen exhumar o que queda debaixo dos nichos.
Todo isto indica que os verdugos foron plenamente conscientes da magnitude dos crimes que cometeron e foron tamén os responsables do intento de ocultar as súas pegadas.
Obsérvanse diferentes fases e dinámicas de enterramentos e que, segundo os indicios atopados, se concentran debaixo dos nichos e van a maior profundidade. Débese ter en conta que esta información está tirada de valoracións preliminares que precisan dun tratamento crítico reflexivo posterior, cunha posta en común co equipo de memoria democrática que verá a súa forma definitiva nas memorias da intervención que se publicarán no apartado do Plan Cuadrienal de Memoria Democrática da páxina web de Nomes e Voces.
Contacto da equipa:
Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Hª Contemporánea, IP do grupo de investigación HISTAGRA e director do Plan de Memoria Democrática en Galicia, 647344112
Antonio Miguez Macho, profesor titular da USC, responsable dos estudos históricos do Plan de Memoria Democrática, 651696823
Conchi López, historiadora e coordinadora dos traballos do Plan de Memoria Democrática, 605650185
Gustavo Hervella, xestor técnico do grupo de investigación HISTAGRA, histagra@usc.es