O equipo do Plan de Memoria Democrática está buscando unha das maiores fosas de Galicia

O equipo do Plan de Memoria Democrática está buscando unha das maiores fosas de Galicia, localizada no cemiterio de O Val (Narón)
O equipo de investigación de Memoria Democrática da Universidade de Santiago iniciou en Santa María do Val (Narón) o proceso de busca dunha das fosas de vítimas do golpe de 1936 máis grandes de Galicia.
Son polo menos 50 as familias que están a buscar os seus familiares e parentes asasinados despois da sublevación militar en Ferrol de xullo de 1936 que poden estar enterradas no cemiterio do Val. A localización desta fosa enmárcase no Plan de Memoria Democrática de Galicia, co apoio da Secretaría de Estado de Memoria Democrática e a Xunta de Galicia, que encomendou as actuacións a un equipo multidisciplinar de investigación USC, comandado polo grupo HISTAGRA.
Segundo as pescudas feitas ata o momento o equipo da Universidade busca mais dunha fosa, tendo en conta a información recollida e dado o elevado número de persoas alí soterradas, en diferentes datas, mais de 50 individuos asasinados entre 1936 e 1939 e posiblemente tamén na posguerra. Un asunto coñecido polos historiadores e historiadoras e moi presente na memoria veciñas e familiar.
Na investigación participa tamén a Asociación Cultural Memoria Histórica e Democrática de Ferrol.
Este feito constitúe un fenómeno sen precedentes na nosa Historia, que permite coñecer a magnitude da violencia golpista en Galicia. Faise un chamamento público a toda a sociedade, para tratar de localizar os diferentes enterramentos e completar a identificación dos familiares das vítimas que están aquí soterradas.
En caso de ter información sobre as fosas ou algunha das vítimas, solicítase que se faga chegar por vía telefónica, 881971010 Ext. 101, ou por correo electrónico, histagra@usc.es
Para mais información, documento anexo e https://www.nomesevoces.net/lugares/proxectos/1/fosas-e-lugares-de-violencia
Contactos para ampliar información:
Gustavo Hervella (coordinador técnico de Histagra), histagra@usc.es, 881 971010, ext. 101
Lourenzo Fernández Prieto (coordinador PMD), lourenzo.fernandez@usc.gal, 647344112